A formación ao longo de toda a vida centra este venres un relatorio do profesor Quinzá-Torroja na Casa do Saber de Lugo
O profesor de Economía Aplicada na Universidade da Coruña José Manuel Sánchez Quinzá-Torroja ofrecerá este venres 15 de marzo, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o relatorio ‘A formación ao longo de toda a vida. Outra visión’.
Quinzá-Torroja reflexionará na súa conferencia, organizada pola Asociación do IV Ciclo da USC do campus de Lugo, sobre a aprendizaxe ao longo da vida e especialmente afondará especialmente no discurso que antepón a parte economista da formación á formación integral das persoas e á posterior incidencia na transformación social.
A aprendizaxe ao longo de toda a vida encádrase, segundo mantén Quinzá-Torroja no marco da chamada economía do coñecemento, que está baseada na formación adaptada ás necesidades do mercado laboral, en lugar de intentar responder ás necesidades de cada individuo e da súa comunidade. Esta nova orientación, sinala este profesor, favorecería unha educación inclusiva e de calidade que promovería oportunidades para todas as persoas ao longo da vida.
O relatorio programado pola Asociación do IV Ciclo do campus de Lugo da USC é unha acción de carácter divulgativo que está aberta á participación de todo o público interesado. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo.