Pasar al contenido principal

Unha nova estratexia de economía circular reduce a produción de residuos na USC

Cubos de compostaxe situados na ETSE. FOTO: Santi Alvite
Cubos de compostaxe situados na ETSE. FOTO: Santi Alvite
O proxecto Res4VALOR transformará os restos orgánicos en abono natural para o campus a través da instalación dunha illa de compostaxe
Santiago de Compostela

O proxecto de cooperación transfronteiriza Res4VALOR constitúe unha nova aposta da USC pola valorización dos residuos orgánicos. A través dunha acción piloto que se está a desenvolver no Campus Vida, onde xa está instalada unha illa de compostaxe, recolleranse restos orgánicos para a súa posterior transformación en composta. A pretensión última destas tarefas é poñer en valor os restos orgánicos producidos no ámbito universitario para o desenvolvemento deste abono natural que regresará aos xardíns e espazos verdes do propio campus. Esta acción piloto está a ser desenvolvida tamén en Portugal pola Universidade do Minho e  enmárcase no programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, financiado polo Fondo FEDER.

Esta experiencia piloto implica directamente ao persoal da cafetería da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), así como ao persoal de xardinaría da USC, xa que serán as persoas encargadas de depositar os residuos orgánicos no compostador. O rol dos e das xardineiras é crucial xa que, tal e como explica a coordinadora do proxecto, Sarah Fiol, para elaborar a composta é preciso “material vexetal como estruturante” que pode atoparse nos restos xerados nesta actividade, como por exemplo, nas follas ou restos de poda. Unha vez dentro, o material orgánico entra en contacto cos microorganismos da terra que actúan sobre el degradándoo. Desa acción progresiva de transformación, vai xurdindo a composta.

“A clave está en que coñecemos a orixe do material que vai ser transformado xa que está producido dende dentro da propia Universidade e temos certeza da súa calidade si ou si. Sabemos que non vai haber plásticos ou metais pesados, por exemplo”, explica a profesora Fiol, pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). De feito, o persoal implicado en todo o proceso recibe este mércores 10 un curso de formación para desenvolver a compostaxe do xeito máis eficiente. Ademais, a Facultade de Química acollerá, a partir das 13.00 horas deste mércores, unha charla divulgativa sobre a materia. Tanto o curso, como o relatorio estarán impartidos por persoal de Sogama, socio da USC nesta experiencia piloto que ten un coste 0 de auga e enerxía.

Sarah Fiol subliña que a posta en valor dos residuos orgánicos que acomete Res4VALOR dá continuidade a un proxecto anterior, Res2ValHum, no que xa se afondou nesta materia. “Este é un proxecto de capitalización de resultados que nos vai permitir abordar a aplicación práctica do xa aprendido”, explica. Así, preténdense cuantificar os residuos xerados nesta experiencia piloto e avaliar cantos contedores son precisos para acometer a súa compostaxe. Deste xeito, podería valorarse a posibilidade de espallar esta técnica ao conxunto da Universidade “promovendo a economía circular e achegándonos o máximo posible aos 0 residuos”, conclúe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.05.2023.