Pasar al contenido principal

O reitor Antonio López apela a recuperar “o valor dos rendementos” como fin último da universidade

Vista xeral do Salón Nobre durante o acto inaugural
Vista xeral do Salón Nobre durante o acto inaugural
No acto de inauguración do curso académico na USC que tivo lugar este mércores no Colexio de Fonseca

No seu primeiro discurso como reitor no acto solemne de inauguración de curso da Universidade de Santiago, o profesor Antonio López marcouse como obxectivo “recuperar o valor dos nosos rendementos como fin último da universidade” e non só tomar os resultados como indicadores. “A lóxica dos resultados, moito mais fácil de medir, ten agochado o valor dos rendementos, e mentres o facía diluía o verdadeiro valor da universidade”, dixo esta mañá no Colexio de Fonseca.

Citaba como exemplos a calidade da docencia, o nivel de formación dos egresados, a súa proxección e inserción laboral, a formación en valores, o avance do coñecemento como resultado da investigación, a mellora das condicións de vida ou a difusión da cultura o do coñecemento cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. “A nosa vocación universitaria naceu ligada a estes rendementos”, que para o reitor son os que xustificarán o uso que se faga dos recursos.

Reflexións profundas Neste senso, no eido dos recursos humanos anunciou un “inmediato e imprescindible” cambio de rumbo que se materializará nun plan cuatrienal, a debater e aprobar no Consello de Goberno, e que proporá a estabilización do persoal interino que ocupa prazas vacantes, a oportunidade de promoción para o PAS e o PDI con acreditación, a renovación do cadro de persoal e unha revisión da RPT do PAS que permita a súa adaptación ás novas necesidades. Ademais deste plan, marcou como “urxente” avanzar na regulación e mellora das condicións laborais do persoal contratado con cargo ao capítulo VI.

No referido a infraestruturas e equipamentos, “imponse unha reflexión profunda e seria sobre a necesidade dos espazos e o seu uso eficiente de cara á súa racionalidade”, asegurou. Neste apartado o reitor puxo o foco nos espazos urbanos de Santiago e Lugo nos que a USC está implantada, apelando, “particularmente no caso de Compostela e o seu Campus Sur”, á “segura colaboración e o apoio decidido” do Concello para proceder á súa dignificación.

Revisión do financiamento público Antonio López non quixo deixar de profundar nos recursos financeiros, cuxa partida pública depende do Plan de Financiamento que remata en 2020. Precisamente apelando a este plan reclamou que a Universidade recupere a posibilidade de incrementar o número de estudantes e de créditos matriculados, indicador que decide o reparto do financiamento público na súa parte estrutural. A imposibilidade actual, denunciou, “só pode explicarse polo intento de poñer límite ao financiamento das Universidades, pero atentando gravemente contra a súa autonomía e contra o exercicio responsable das súas competencias en materia de oferta docente”.

Do mesmo xeito, demandou unha revisión do financiamento público da investigación, “para evitar que Universidades como a nosa se vexan penalizadas nos seus resultados económicos”, referíndose a que as estimacións de custos indirectos nas distintas convocatorias públicas non cobren todos aqueloutros gastos xerais necesarios. No caso da USC, o financiamento captado por investigación, que ronda os 50 millóns de euros cada ano, achega para gastos xerais arredor de 6 millóns, unha cantidade insuficiente para atender os custos indirectos.

Todas estas propostas e reflexións que o reitor lle explicou hoxe á comunidade universitaria trasladoullas esta mesma mañá ao presidente da Xunta, a quen lle solicitou a revisión do plan económico financeiro, particularmente no que atinxe ao calendario de amortización da débeda e á xestión do remanente de tesourería negativo para gastos xerais. “Un axeitado plan de refinanciamento dos nosos compromisos de amortización da débeda permitiranos evitar axustes adicionais, absolutamente inasumibles nun marco orzamentario restritivo como o actual”, dixo.

Lección inaugural e memoria A lección inaugural deste curso correspondeulle ao catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Ángel Concheiro Nine, que falou da evolución que ten experimentado nas últimas décadas o medicamento e os seus sistemas de administración, polo que cada vez se lles demandan prestacións “máis sofisticadas”. Para extraer todo o seu potencial terapéutico dos novos fármacos, explicou o profesor, requírense sistemas de administración que actúen “como ferramentas activas” no envío cara ás súas dianas e os liberen en resposta a un estímulo específico ou a unha cadencia biolóxica. Cada medicamento, concluíu, ten que entenderse “non como unha superposición de fármaco e excipientes” senón como un conxunto integrado que se deseña ad hoc “para maximizar a eficacia e seguridade do tratamento en cada paciente”.

No mesmo acto, a secretaria xeral Dulce García Mella deu conta da memoria do pasado curso académico nun discurso que agrupou os principais indicadores e fitos da institución académica durante ese período en cinco grandes epígrafes: ensino-aprendizaxe, investigación e transferencia, extensión universitaria e compromiso social, organización e xestión, e “como protagonista necesaria” de todo o quefacer universitario a comunidade universitaria.

Acto solemne Ademais da comunidade universitaria, á cerimonia asistiron diversas autoridades como o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a valedora do Pobo, Milagros Otero; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; ou a primeira tenente de alcalde de Santiago, María Rozas.

Autoridades civís asistentes á cerimonia Autoridades académicas asistentes ao acto O reitor Antonio López presidiu a cerimonia inaugural Instante da comitiva entrando no Salón Nobre O reitor Antonio López e o catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica Ángel Concheiro, encargado de pronunciar a conferencia inaugural

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.09.2018.