Pasar al contenido principal

O Grupo de Estudos Audiovisuais participa nunha iniciativa pola igualdade das linguas no audiovisual que obtén o apoio do Parlamento Europeo

De esquerda a dereita, Mª Soliña Barreiro, Andrés Bellas, Marcos Maceira, Margarita Ledo Andión, Uxía Caride e Iria Taibo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Mª Soliña Barreiro, Andrés Bellas, Marcos Maceira, Margarita Ledo Andión, Uxía Caride e Iria Taibo. FOTO: Santi Alvite
O informe da Eurocámara para a aplicación da Directiva Europea do Audiovisual recolle as emendas da Iniciativa polo Galego no Audiovisual encamiñadas a preservar a diversidade lingüística europea e insta os Estados membros a darlles cumprimento
Santiago de Compostela

A Iniciativa polo Galego no Audiovisual acada o apoio do Parlamento Europeo ás emendas presentadas en Estrasburgo e encamiñadas a garantir o acceso á pluralidade lingüística no espazo audiovisual europeo e a igualdade de oportunidades da lingua galega neste contexto. O informe da Eurocámara para a aplicación da Directiva Europea do Audiovisual aprobado esta semana recolle as propostas desta iniciativa na que conflúen diversos axentes da academia e o audiovisual galego e insta os Estados membros a darlles cumprimento. 

As investigadoras do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da USC, Margarita Ledo Andión e Mª Soliña Barreiro, afondaron este mércores nas repercusións deste relatorio nunha rolda de prensa na que tamén participaron Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística, Andrés Bellas de APRADOGA, Uxía Caride da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Iria Taibo da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), e que contou tamén coa intervención en vídeo de François Alfonsi, copresidente do Intergrupo de Linguas do Parlamento Europeo, e de Ana Miranda, eurodeputada do BNG, a través de videoconferencia.  

Esta representación do sector audiovisual galego na contorna académica e profesional valorou como un éxito o apoio da Eurocámara a estas emendas que poñen o foco na “importancia de facilitar a accesibilidade (dobraxe, subtítulos, audiodescricións ou outros elementos) en todas as linguas do territorio onde o servizo de comunicación social audiovisual é prestado”, e que reclamaban da comisión “máis esforzos na divulgación de obras que dean conta da diversidade lingüística europea”.

A profesora María Soliña Barreiro, unha das comparecentes na defensa das emendas ante a Eurocámara, enmarcou esta acción na liña de traballo desenvolvida polo Grupo de Estudos Audiovisuais da USC arredor do cinema e o audiovisual de nacións sen Estado e con lingua propia dende o seu papel como “esfera simbólica, económica e sociocultural fundamental que debe ser respectada e difundida”. 

Pola súa banda, Marcos Maceira destacou que este relatorio chamado a harmonizar a aplicación da Directiva Europea do Audiovisual nos Estados membros incide na obrigatoriedade de reservar un mínimo dun 30% da cota de pantalla para producións audiovisuais europeas, o que obrigará a modificar textos como a Lei do Audiovisual española, que utiliza esa porcentaxe como cota máxima, e redundará nunha maior porcentaxe de obras nas diferentes linguas.  O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística puxo en valor que o texto aprobado pola Eurocámara sinala que “se debe favorecer toda a diversidade lingüística europea, tamén as linguas rexionais e minorizadas, non só exclusivamente as oficiais dos Estados”.

No peche do encontro desenvolvido na Facultade de Ciencias da Comunicación, a coordinadora do GEA Margarita Ledo Andión recalcou que o relatorio recolle a accesibilidade a contidos audiovisuais en galego e noutras linguas europeas como “dereitos de base e que insta e urxe á súa posta en práctica polo poder lexislativo e executivo” dos Estados membros, de cara a protexer o patrimonio material e inmaterial europeo.

De esquerda a dereita, Mª Soliña Barreiro, Marcos Maceira, Margarita Ledo Andión, Andrés Bellas,Uxía Caride e Iria Taibo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Mª Soliña Barreiro, Marcos Maceira, Margarita Ledo Andión, Andrés Bellas,Uxía Caride e Iria Taibo. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.05.2023.