Pasar al contenido principal

Entrega dos premios do programa Argos para a creación de equipos de emprendedores universitarios

O programa Argos, para a creación de equipos emprendedores universitarios, rematará este venres 27 unha nova edición coa entrega de premios aos mellores proxectos. O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, presidirá o acto de entrega a partir das 12.00 horas no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia. Na sesión tamén participarán o concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; o xerente do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Guillermo Viña González; Teresa Bernal Cortegoso, da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José L. Villaverde Acuña.

Promovido por AVTE, o obxectivo do programa Argos é a conformación de equipos interdisciplinares de emprendedores universitarios aos que se lle facilitou asesoramento no proceso de definición da idea de negocio avaliando a súa capacidade para constituír un proxecto empresarial convincente. Traballo en equipo e “aprender facendo” son as dúas claves desta iniciativa aberta a alumnado de posgrao, máster, doutoramento e últimos anos de grao, así como a titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores de grupos de investigación.

A conformación dos posibles equipos de Argos sustentábase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo, a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas da contorna de Santiago e de Lugo que poderan ser a base de futuras plans de empresa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.07.2018.