Unha investigación aborda que factores converten un diagnóstico médico nunha lembranza fulminante
A forma na que o/a profesional transmite as primeiras novas dun diagnóstico xoga un papel significativo na lembranza que se desenvolve deste feito, así como na persistencia do recordo, motivo polo cal se aconsella mellorar a praxe médica na súa comunicación. Esta é a principal conclusión do estudo titulado ‘Flashbulb memories in the communication of the diagnosis of visual impairment: the effect of context and content’ que acaba de publicarse na revista Children e cuxa autoría corre a cargo de Emma Mayo Pais, José Eulogio Real Deus, Patricia María Iglesias Souto e Eva Mª Taboada Ares.
Este equipo investigador da USC levou a cabo un estudo lonxitudinal cuxo obxectivo foi analizar as circunstancias nas que se produciu a primeira noticia da discapacidade visual dun fillo/a, e se o seu recordo persiste no tempo, xerando unha lembranza flash. Entre os resultados obtidos, confírmase a existencia deste tipo de recordo, máis dependente do contexto no que se produce a noticia e do seu contido, que de factores sociodemográficos e clínicos.
“O diagnóstico de discapacidade visual dun neno/a é lembrado vívida e intensamente polos seus pais”, explican dende o equipo investigador. Con todo, a forma en que se comunica o diagnóstico pode afectar o desenvolvemento e a persistencia desta memoria. “O obxectivo deste estudo é analizar as circunstancias nas que se dá a primeira noticia do diagnóstico de discapacidade visual en nenos/as e se o recordo deste feito persiste no tempo dando lugar a un recordo fulminante”, engaden.
O estudo contou coa participación de 38 nais e recolléronse datos sobre variables sociodemográficas, clínicas, circunstancias que rodearon a comunicación do diagnóstico e o grao de concordancia da información nas dúas fases da investigación. Na fase A, o tempo transcorrido dende a recepción do diagnóstico foi de entre 5 e 10 anos, mentres que na fase B da investigación o periplo temporal abrangueu entre 15 e 20 anos. “O diagnóstico dábase, en xeral, a ambos os pais ao mesmo tempo, en linguaxe médica e con pouco tacto, xeralmente na consulta dun oftalmólogo”, sinalan.
O estudo conclúe que as nais terían preferido recibir a noticia doutra forma e confírmase a existencia dunha memoria flash, máis dependente do contexto no que se dá o diagnóstico e o seu contido que de factores sociodemográficos e clínicos. A forma en que se dan as primeiras noticias do devandito diagnóstico xoga un papel importante en como se lembra. Por tanto, recoméndase unha mellora na práctica médica en canto á comunicación dos devanditos diagnósticos. En ambas as fases a maioría dos nenos/as presentaba baixa visión (73,7%), de orixe conxénita (71,1%), con grao de discapacidade profunda superior ao 75% (73,6%) e sen outras discapacidades asociadas á discapacidade visual (63,2%).
A importancia do lugar
En canto ao lugar en que se deu a primeira noticia do diagnóstico, máis do 70% das nais dixeron ser informadas no consultorio do profesional responsable de transmitir a noticia. “Cabe destacar, con todo, que, noutros casos, a noticia deuse noutros lugares menos apropiados”, sinalan dende o equipo investigador, como a sala de hospitalización (18,4%), un corredor ou sala de espera (2,6%), e mesmo na sala de partos (2,6%). “O lugar no que se dá o diagnóstico é claramente importante para as nais”, engaden. En xeral, ambos os pais estaban presentes cando se deu o diagnóstico (60,5%). Porén, nunha alta porcentaxe de casos (29,0%), o diagnóstico déuselle só á nai, deixándoa coa responsabilidade de dar a noticia á súa parella.
Co obxectivo de avaliar o grao de satisfacción co diagnóstico, preguntóuselle ás nais se lles tería gustado recibir o diagnóstico doutra forma e, ademais, se tras recibir a primeira noticia buscaron unha segunda opinión. O 44,7% das participantes expresaron o seu desexo de recibir a noticia doutra maneira, e unha alta porcentaxe (71,1%) buscou a confirmación do diagnóstico por outro especialista.
Ao comparar as respostas das persoas participantes en cada unha das fases, atopouse un 92,1% de coincidencia, confirmando que o recordo da primeira noticia do diagnóstico é efectivamente duradeiro. Unha década despois da primeira avaliación, o 53,3% das nais lembraban, de forma literal, a forma en que recibiran o diagnóstico da discapacidade visual do seu fillo/a, mentres que para o 44,7% restante detectouse unha coincidencia parcial entre as respostas dadas, xa que se mantivo o significado a pesar de que non se usaron as mesmas palabras. Estes resultados coinciden coa percepción subxectiva que teñen as persoas participantes sobre o seu recordo das primeiras noticias do diagnóstico, confirmando a idea de que o impacto do mesmo é tan forte que perdura na memoria.