Pasar al contenido principal

O persoal da USC percibirá a partir de xullo e setembro o incremento salarial do 1,5%

A Universidade adianta con recursos propios o incremento aprobado pola Lei de Orzamentos Xerais

Nos meses de xullo e setembro, a Xerencia aplicará nas nóminas o incremento retributivo aprobado polo Goberno e que suporá unha subida do 1,5 %. Esta é unha medida que afectará a todo o persoal que presta servizos na universidade: persoal docente e investigador, de administración e servizos e persoal con cargo a actividades de I+D aos que lle sexa de aplicación. O equipo de goberno da USC decidiu adiantar as retribucións cos recursos de tesourería da propia institución académica, á espera de que a Xunta de Galicia transfira o incremento aprobado na Lei de Orzamentos.

O incremento das retribucións ten efectos dende o 1 de xaneiro de 2018 polo que o persoal percibirá tamén os atrasos xerados desde esa data. A Lei de Orzamentos Xerais establece tamén un incremento adicional do 0,25% con efectos do 1 de xullo de 2018, condicionado ao cumprimento do obxectivo de evolución do PIB correspondente ao exercicio anterior e que non se pode aplicar mentres non se aprobe en Consello de Ministros e sexa comunicado ás Comunidades Autónomas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2023.