Pasar al contenido principal

Unha mostra sobre o porco celta pon en valor o legado de Rof Codina na Biblioteca Intercentros

Álvarez, Fraga e Cantalapiedra visitan a exposición instalada na Biblioteca Intercentros
Álvarez, Fraga e Cantalapiedra visitan a exposición instalada na Biblioteca Intercentros
A exposición itinerante promovida por Asoporcel ‘Crónica da pegada do porco celta en Galicia’, ilustra a través de máis e medio centenar de imaxes e ampla documentación a evolución desta raza autóctona desde comezos do século XX ata a actualidade.
Lugo

A Biblioteca Intercentros da sede universitaria luguesa exhibe ata o 1 de xullo a mostra ‘Crónica da pegada do porco celta en Galicia’, unha exposición itinerante organizada pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel), a través da que se trata de achegar ao público visitante e, en definitiva, aos consumidores, o labor desenvolvido polos gandeiros e produtores a prol da conservación e posta en valor desta raza porcina, ademais de informar das características e propiedades das súas viandas.

A mostra, que permanecerá accesible para calquera persoa durante o horario de apertura da Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC, complétase cunha pequena galería expositiva na que se amosa material gráfico e documental procedente do  Arquivo persoal de Juan Rof Codina, que está depositado na citada biblioteca da sede universitaria luguesa.

A apertura desta mostra monográfica arredor da raza porcina celta e da súa evolución durante o último século espertou interese entre a comunidade universitaria, tal e como o proba a numerosa cifra de visitantes, entre os que se atopan o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, así como o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica da USC, Antonio Álvarez, ou a directora da Biblioteca Intercentros, Julia Cantalapiedra, ademais de docentes, alumnos e investigadores e persoal do Campus Terra da USC.

A exposición está estruturada en diversos paneis informativos, nos que se conxugan textos e imaxes representativas da época na que o veterinario Juan Rof Codina (1874-1967) fixo a primeira caracterización do porco celta, tal e como se coñece o manual ‘El cerdo céltico y sus derivados españoles’, publicado en 1947. Esta obra, cuxo orixinal tamén permanece exposto nas instalacións da Biblioteca Intercentros, recolle por vez primeira a identificación das distintas variantes da raza de porco celta, segundo a área xeográfica e a configuración do terreo no que se atopan.

Deste xeito, Asorpocel achega a través da mostra ‘Crónica da pegada do porco celta en Galicia’ unha ‘viaxe ilustrada’ sobre as distintas peripecias que acompañaron á raza porcina celta, que pasou de ser a raza dominante en Galicia a comezos do pasado século a pouco menos que desaparecer algunhas décadas despois por mor da incorporación doutras razas que ofrecían un maior rendemento e un crecemento máis rápido.

Esta etapa de esquecemento comezou a remontar na pasada década dos anos 80, cando a raza porcina celta estaba en serio perigo de extinción, aínda que o inicio da súa recuperación non se produciría ata dúas décadas despois, cando en 1999 a Xunta de Galicia habilitou e puxo en marcha medios técnicos e infraestruturas apropiadas para a súa recuperación e para rescatar o seu patrimonio xenético. Estas accións propiciaron o rexurdimento do Porco Celta, que hoxe, grazas ao empeño dos seus criadores e de Asoporcel, ve garantida a continuidade da raza e súa crecente valorización.

 

Material do arquivo persoal de Rof Codina empregado para elaborar a mostra organizada por Asoporcel
Material do arquivo persoal de Rof Codina empregado para elaborar a mostra organizada por Asoporcel
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.05.2023.