Veterinaria vincula os produtos cárnicos con infeccións do tracto urinario rexistradas en humanos
A inxestión de alimentos e, nomeadamente, o consumo de produtos de orixe animal, antóllase como unha potencial causa de transmisión de infeccións bacterianas a humanos, segundo se desprende do artigo ‘Genomics, biofilm formation and infection of bladder epithelial cells in potentially uropathogenic Escherichia coli (UPEC) from animal sources and human urinary tract infections (UTIs) further support food-borne transmission’, que vén de ser publicado na revista One Health, de Elsevier, e que recolle os resultados da investigación desenvolvida no Laboratorio de Referencia E.coli do Campus Terra da USC, xunto con outros investigadores da área de Microbioloxía da USC e da Universidade de Copenhague, así como do Hospital Central de Asturias (HUCA).
O traballo, liderado polos investigadores da Facultade de Veterinaria Azucena Mora, Vanesa García e Isidro García Meniño, e realizado ao abeiro dun proxecto nacional sobre resistencias a antibióticos e seguridade alimentaria, aborda unha exhaustiva comparativa entre o comportamento in vitro de adhesión e invasión en células de vexiga humana de cepas de E. coli illadas de mostras de carne, con outras cepas de infeccións do tracto urinario humano, hospitalarias e da comunidade.
As semellanzas advertidas entre o comportamento in vitro para certos clons de E. coli de orixe animal, constata as sospeitas xa apuntadas de transmisión bacteriana por inxestión de alimentos, e reforza a consideración dos animais destinados a producción de alimentos como potenciais fontes de cepas bacterianas causantes de enfermidades extraintestinais.
As conclusións acadadas logo desta singular investigación no eido da One Health, na que colaboran especialistas en medicina veterinaria e humana, van na liña doutros estudos anteriores sobre as superbacterias ao respecto da súa multirresistencia aos antibióticos, e ao risco da sua transmisión en produtos cárnicos destinados a consumo humano, tal e como sucede, entre outras, coa E. coli ou Klebsiella pneumoniae.
Fronte á aínda xeneralizada presenza bacteriana en produtos alimentarios de orixe animal, a pesar dos efectos positivos que están a deparar os mecanismos de control e vixilancia sanitaria habilitados a este respecto polas administracións e conscientes de que os potenciais riscos para a saúde desaparecen logo dun cociñado normal destes produtos cárnicos, os autores do artigo publicado en One Health propoñen novos modelos para identificar e avaliar o potencial uropatóxeno das cepas, no camiño de controlar a transmisión de cepas de E. coli responsables de enfermidades e infeccións do tracto urinario.
Esta nova aproximación, explica a profesora da USC e directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet) da Fundación Rof Codina, Azucena Mora Gutiérrez, está baseada en análises xenómicas e ensaios in vitro de infección de células vesicais e de produción de biofilm, polo que se antolla ademais como unha alternativa para reducir o uso dos modelos de virulencia in vivo.
Presentación de resultados no SEIMC
A profesora Azucena Mora, que tamén é asesora do Comité Permanente de Investigación Agropecuaria da Comisión Europea nó ámbito da Produción Animal Sostible (SCAR SAP), presentará os resultados desta investigación este venres no marco do XXVI Congreso Nacional da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC), un foro científico que se celebra do 1 ao 3 de xullo no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia, en Santiago.
A intervención de Mora Gutiérrez neste congreso céntrase na incidencia dos axentes zoonóticos e na visión da saúde animal dentro da One Health e encádrase nun panel sobre resistencia antimicrobiana e retos para a abordaxe dunha única saúde, moderado por Germán Bou Arévalo, do Servizo de Microbioloxía Clínica do Hospital Universitario da Coruña, e Jesús Rodríguez Baño, da Unidade Clínica de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía do Hospital Virxe Macarena, de Sevilla.