Clausurados os Cursos de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia
Os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ botaron o peche logo dun mes de actividades nas que se sucederon as sesións teóricas e prácticas así como relatorios a cargo de especialistas sobranceiros do eido cultural e social galego, os obradoiros musicais e as excursións. Nesta edición acudiron á cita un total de 75 estudantes procedentes de Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Colombia, Croacia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Polonia, Portugal Rusia, Singapur, Suíza e Xapón. Do Estado español, chegaban de Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura e País Vasco. A metade deles cursaron o nivel elemental, pero o resto repartiuse entre os niveis medio e superior.
Organizados polo Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, a clausura oficial de Galego sen fronteiras 2018 celebrouse este martes 24 na Facultade de Filosofía. Interviñeron o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez; o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director dos cursos, o profesor Henrique Monteagudo; e o director do ILG, o profesor Xosé Luís Regueira.
Dende a súa creación en 1988, por estes cursos pasaron uns 2.900 estudantes de todo o mundo. Nas súas aulas aprenderon galego moitas das persoas que hoxe verten a outros idiomas a literatura galega ou son referentes nos estudos galegos a nivel internacional.
No centro, o vicerreitor Víctor Arce presidiu a sesión de clausura na Facultade de Filosofía. Foto: RQ