Pasar al contenido principal

Máis de 200 estudantes de toda Galicia danse cita este sábado nas probas de Estalmat

Os primeiros 30 rapaces e rapazas preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal. FOTO: Santi Alvite
Os primeiros 30 rapaces e rapazas preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal. FOTO: Santi Alvite
O programa de estímulo do talento matemático bota a andar a selección da súa promoción número dezaseis
Santiago de Compostela

Máis de 200 estudantes de toda Galicia nacidos en 2010 e 2011 participan este sábado 3 de xuño nas probas de selección de 25 estudantes da 16ª promoción do Proxecto Estalmat-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. Os participantes son 93 rapazas (42,27%) e 127 rapaces (57,72%), consolidando unha participación paritaria na proba. Proceden na súa maioría das provincias da Coruña (149) e Pontevedra (56), seguidas das de Ourense (9) e de Lugo (6); e tanto do ensino público (158) como do privado e concertado (62).

Con este número de estudantes inscritos o Proxecto Estalmat-Galicia consolida a súa andaina dende 2007. Con esta edición supérase a barreira dos 4.800 que con 12, 13 e 14 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos quince anos para facer a proba de selección. Con esta promoción acadarase un total de 410 mozas e mozos seleccionados para participar no programa de talentos matemáticos.

Organización

A organización conta, por segunda vez para o desenvolvemento da proba, coa colaboración de tres centros de Ensino  Medio e de dúas Facultades: o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense, o IES Castelao de Vigo, a Facultade de Formación do Profesorado no campus de Lugo e a Facultade de Matemáticas da USC en Compostela. A proba consiste na resolución de cinco problemas de distinto tipo e o alumnado está convocado para as 10.00 horas.  

As probas corríxeas de forma anónima un equipo de dez profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección está feita polo conxunto do comité. A lista alfabética dos preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto antes do 30 de xuño. Os primeiros 30 rapaces e rapazas preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal.

As actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas e contarán con sesións en remoto para reducir as viaxes. A duración é  de 3 horas por sesión, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais, Estalmat Pi (15 sesións). 

O equipo docente que atende o estudantado seleccionado está formado por 50 profesores/as de matemáticas e áreas afíns do ensino medio e das tres universidades galegas. Con esta iniciativa, “quérese detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas,  resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para o seu mellor aproveitamento pola sociedade”, explica a decana da Facultade de Matemáticas e responsable de Estalmat en Galicia, Elena Vázquez Cendón.

O proxecto conta co aval científico da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, tamén co apoio económico da Xunta de Galicia e a Axencia Galega da Innovación. Nas diferentes edicións tamén contou co apoio das Deputacións da Coruña, Pontevedra, e Lugo, ademais da infraestrutura e apoio xeral aportados pola Universidade de Santiago de Compostela, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas. Estalmat-Galicia forma parte do Proxecto Estalmat-España.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.06.2023.