Pasar al contenido principal

Un curso achegará estratexias socioeducativas para unha atención inclusiva ante os Trastornos do Espectro Autista

Este curso, aprobado polo Departamento de Pedagoxía e Didáctica, ofrece unha formación inicial con respecto ao TEA
Este curso, aprobado polo Departamento de Pedagoxía e Didáctica, ofrece unha formación inicial con respecto ao TEA
A preinscrición pode formalizarse ata o 12 de xuño a través da secretaría virtual da USC, mentres que o período de matrícula estenderase do 13 ao 19 de xuño
Santiago de Compostela

Ofrecer dende un enfoque teórico-práctico unha formación introdutoria sobre as características dos Trastornos do Espectro Autista (TEA) é o obxectivo do curso de formación específica que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación do 26 ao 28 de xuño. A actividade permitirá afondar nas estratexias socioeducativas prioritarias para abordar unha atención pertinente, respectuosa e inclusiva. A preinscrición pode formalizarse ata o 12 de xuño a través da secretaría virtual da USC, mentres que o período de matrícula estenderase do 13 ao 19 de xuño.

O curso combinará sesións expositivas con actividades dinámicas e participativas nas que se contará con expertos e expertas na atención socioeducativa a persoas con TEA pertencentes a diversos centros educativos, entidades e asociacións do ámbito. Dirixido por Esther Vila Couñago e Ana Rodríguez Guimeráns, a actividade está dotada cun máximo de 50 prazas que se outorgarán por orde de inscrición ata completar a cota de alumnado.

Programa

A formación abranguerá nocións básicas sobre TEA, así como a intervención dende unha perspectiva globalizada, a estruturación espacial e temporal, as condutas non desexadas e o apoio condutual positivo, deseño e adaptación de recursos para alumnado con TEA, experiencias de boas prácticas e orientacións para a intervención socioeducativa con persoas con este tipo de trastornos.

Este curso, aprobado polo Departamento de Pedagoxía e Didáctica, ofrece unha formación inicial con respecto ao TEA e á súa intervención orientada ao plano educativo, pero sen abandonar a necesidade dunha intervención holística. Profesionais da educación de todas as especialidades e niveis, alumnado e familias descubrirán, da man de persoal investigador, asociacións, familias e profesorado en activo, as características destes trastornos e afondarán nas estratexias prioritarias para abordar unha atención educativa pertinente e inclusiva. Expedirase diploma de aproveitamento pola USC.

Programa do curso
Programa do curso
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.06.2023.