Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC analiza a evolución da relixión e da mentalidade dende a Idade de Ferro ata a tardoantigüidade

Aitor Freán
Aitor Freán
Aitor Freán aborda na súa tese os costumes e tradicións herdadas dos romanos e a perda progresiva da cultura propia dos antigos habitantes de Galicia

Os romanos, ao conquistar Galicia, impuxeron costumes e crenzas que seguen presentes hoxe en día. A cultura dos habitantes do noroeste peninsular foi perdéndose ante o poder de Roma, pero aínda quedan mostras desas comunidades hoxe en día. A evolución da relixión e da mentalidade foi analizada por Aitor Freán Campo na tese de doutoramento desenvolvida baixo o título ‘ Persistencia e evolución da relixiosidade e das mentalidades do noroeste peninsular dende a Idade de Ferro ata a tardoantigüidade’, que vén de presentar na Facultade de Xeografía e Historia.

A tese céntrase no estudo dos elementos máis destacados do pensamento simbólico de calquera cultura e comunidade: a ocupación do espazo e as súas consecuencias simbólicas, a morte e o ámbito funerario, a ritualidade, os espazos sagrados, o sacerdocio e as divindades. Ademais, analízanse outros aspectos de interese como a incidencia da introdución da escritura por parte das comunidades ágrafas galaicas e a repercusión da interacción con cultos orientais de orixe fenicio-púnica, exipcia, minorasiática, irania e, por suposto, hebrea, ao indagar sobre os elementos e as características que definiron a cristianización de Gallaecia.

A finais da Idade do Bronce, os habitantes da antiga Galicia comezaron a asentarse nos castros e, na transición cara a Idade de Ferro, era habitual un modo de vida máis sedentario. Estes cambios foron construíndo unha espiritualidade na que o interior dos propios castros era considerado como un espazo sagrado, un lugar de vivos. Nas comunidades galaicas, existían divinidades heteroxéneas e propias de cada asentamento, aínda que tamén se rexistran deidades comúns en diferentes castros.

As sociedades galaicas da Idade do Ferro non rendían culto ao corpo físico do defunto e a morte era considerada un elemento máis simbólico que material. Aitor Freán descubriu que era habitual a incineración acompañada de celebracións comunitarias como banquetes, e un posterior depósito dos restos da cremación en cursos de auga “como unha forma de reproducir o tránsito a un Máis Alá en clave oceánica”, explica o doutor. Os mortos, como elementos materiais, desaparecían do mundo dos vivos a través dun desprazamento, no que a auga era o elemento condutor ao outro mundo.

Na tese de doutoramento dirixida por Ana María Suárez Piñeiro, Aitor Freán descobre que, unha vez a antiga Galicia é conquistada polos romanos, toda a realidade anterior é redefinida, incorporando así novos elementos e manifestacións externas. Os habitantes da Gallaecia romana, na súa aspiración de converterse en cidadáns romanos, están obrigados a participar en cultos imperiais nos que se busca o beneficio de deuses descoñecidos para eles, no marco dun proceso de asimilación do politeísmo romano.

Roma quería difundir por todo o territorio unha cultura e un estilo de vida no que a adopción de comportamentos e compoñentes da relixión romana resultaba fundamental dado a natureza cívica da mesma e a imposibilidade de disociar elementos relixiosos de actos políticos, sociais ou mesmo económicos.

A influencia romana tamén cambia os rituais funerarios e, baixo o dominio do imperio, a morte adquirirá materialidade. Os cadáveres enterrábanse nas vías que daban acceso ás cidades e os vivos acudían ao sepulcro para honrar a súa memoria. Este legado continúa hoxe en día, xunto coa construción de sepulcros en monumentos pétreos e a importancia das inscricións na pedra. Estes costumes están vinculados a unha escatoloxía procedente da mitoloxía grega, aínda que adaptaba ao pensamento simbólico romano.

Todos estes cambios, nos que os habitantes de Gallaecia asumen as crenzas romanas, aparecen dende os momentos iniciais da conquista e a aparición de núcleos urbanos como Braga, Lugo, Astorga.

A chegada do cristianismo transformou a relixión nun axente activo que contrastaba coa actitude pasiva dos cultos coñecidos ata o momento. O proceso de materialización, que comezou nos rituais funerarios coa chegada da romanización, colleu forza coa chegada do cristianismo e a súa preferencia pola inhumación.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Aitor Freán estivo presidido polo catedrático Francisco Javier Fernández Nieto. Os profesores José Carlos Bermejo Barrera e María Cruz González Rodríguez completaron o xurado. O autor da tese de doutoramento obtivo a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.09.2018.