Pasar al contenido principal

Aberto o prazo para solicitar axudas destinadas a proxectos de investigación sobre violencia machista

Ao abeiro desta convocatoria, poden presentarse estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario. FOTO: Santi Alvite
Ao abeiro desta convocatoria, poden presentarse estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario. FOTO: Santi Alvite
Ata o 16 de xuño, poderase concorrer a esta convocatoria centrada no desenvolvemento das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
Lugo, Santiago de Compostela

O persoal docente e investigador a tempo completo na USC e en servizo activo xa pode solicitar as axudas para a realización de proxectos destinados ao desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para o ano 2023. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de xuño. 

Ao abeiro desta convocatoria, poden presentarse estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario; a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero; a situación dos e das menores (custodia, réxime de visitas, ou relacións co pai maltratador, entre outras); violencias sexuais a través de estudos diagnósticos, desenvolvemento estatístico, unificación de datos e a súa publicidade; prevalencia e deseño de indicadores para todos os tipos de violencias sexuais; as novas realidades da Trata e as respostas operativas que deben implementarse para que as actuacións policiais teñan maior facilidade á hora de intervir en espazos de alto nivel de control por parte dos proxenetas, incluídas as vivendas; e os sistemas de análise estatística que recollan as violencias machistas que sofren as mulleres que exercen a prostitución. O período de execución dos proxectos estenderase ata o 7 de novembro de 2023.

A comisión de avaliación das propostas recibidas estará composta por Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Política Científica; Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura; Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e
Innovación; Mª Nieves Lagares Díez, comisionada do Campus da Cidadanía; e Marta Pérez Pereiro, delegada do reitor para a Igualdade. 

Procedemento

As solicitudes, dirixidas á Vicerreitoría de Política Científica, presentaranse a través do rexistro electrónico da USC. Na solicitude deberá indicarse o desexo de participar na devandita convocatoria pero non é preciso achegar ningunha documentación no momento de realizar este rexistro xa que esta será solicitada, a continuación,  por correo electrónico. A xustificación do proxecto poderá acadar un máximo de 40 puntos; o contido, outros 40; mentres que o seguimento, avaliación e medición de resultados poderá obter un máximo de 20 puntos. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.06.2023.