O proxecto FANBEST profunda na innovación e sustentabilidade da economía azul
A xornada 'Innovación e sustentabilidade na economía azul: emprendemento para un futuro máis azul' serviu este xoves 8 para presentar os avances do proxecto europeo FANBEST, que lidera a USC, así como para divulgar futuras actividades. O proxecto FANBEST ten como obxectivo fomentar a transferencia de tecnoloxía ás PEMES no ámbito dos sectores da economía azul e a explotación dos recursos mariños mediante a creación dunha rede de entidades públicas e privadas centradas na captación de fondos que posibiliten a fase de inicio e ampliación. Este proxecto transnacional conta con financiamento FEDER a través do Programa Interreg Espazo Atlántico.
A xornada celebrada en Ciencias Económicas e Empresariais contou coa presenza de varias empresas que abordaron o emprendemento como factor de innovación no sector da economía azul e tamén das aplicacións da intelixencia artificial. Entre elas, interviñeron representantes do CiTIUS da USC, We Sustainability, AMS Lab, Porto Muíños, Bluscus Galicia Mariñeira, ERNACT-European Digital Network ou diferentes entidades de observación mariña. Dentro das accións desenvolvidas no marco do proxecto, atópase a creación dun sistema dinámico de información coas máis relevantes iniciativas de economía azul.