Pasar al contenido principal

A Cátedra Galimplant premia a investigación en patoloxía e implantoloxía oral

A Cátedra trata de captar novos talentos, promovendo bolsas e proxectos de investigación competitivos no ámbito internacional, así como fomentando a colaboración entre a USC e o sector profesional e empresarial da odontoloxía. Imaxe de arquivo dunha clase práctica na USC. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra trata de captar novos talentos, promovendo bolsas e proxectos de investigación competitivos no ámbito internacional, así como fomentando a colaboración entre a USC e o sector profesional e empresarial da odontoloxía. Imaxe de arquivo dunha clase práctica na USC. FOTO: Santi Alvite
Gisela Cristina Vianna Camolesi, Fabio Frana Vieira e Silva e Ángel Orión Santiago Peralvo son os autores dos traballos premiados
Santiago de Compostela

A Cátedra de Implantoloxía Avanzada Galimplant entrega este venres 9 os premios correspondentes á primeira edición da convocatoria dirixida a galardoar traballos de investigación. O acto que preside o reitor Antonio López e que se desenvolve no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, a partir das 20.30 horas, recoñece investigacións en dúas modalidades: patoloxía oral e implantoloxía oral.

Na primeira categoría recollen galardóns Gisela Cristina Vianna Camolesi e Fabio Frana Vieira e Silva, cada un dos recoñecementos dotado con 5.000 euros. Vianna Camolesi realizou unha revisión sistemática e meta análise da eficacia da fotobiomodulación para reducir a dor e mellorar a vida en pacientes coa síndrome de boca ardente idiopática. Pola súa parte, Vieira e Silva é autor dun traballo sobre a expresión da proteína caspasa-3 e caspasa-3 escindida na tumoroxénese e as súas correlacións co seu prognóstico nos cancros de cabeza e colo. Finalmente, a terapia antibiótica preventiva en procedementos de implantes dentais é o obxecto do traballo desenvolvido por Ángel Orión Santiago Peralvo na categoría de implantoloxía oral, investigación que tamén recibiu 5.000 euros.

A implantoloxía oral é unha ciencia en constante evolución, polo que a investigación e a formación continua son elementos fundamentais. Nesta liña, xorde a colaboración entre a USC e Galimplant para crear a Cátedra de Implantoloxía Avanzada dirixida polos profesores Abel García e Mario Pérez-Sayáns. Entre os principais obxectivos da Cátedra están permitir o acceso do alumnado á formación e investigación en implantoloxía, transferir os novos coñecementos xerados en todos os niveis, grao e posgrao, colaborando con outros profesores e Departamentos da USC para favorecer a formación integral do alumnado e a mellora do profesorado. 

A Cátedra trata de captar novos talentos, promovendo bolsas e proxectos de investigación competitivos no ámbito internacional, así como fomentando a colaboración entre a USC e o sector profesional e empresarial da odontoloxía. Pero, sen dúbida, un dos principais logros desta Cátedra é o seu labor social, que permite aos pacientes participar en actividades de investigación e beneficiarse dos tratamentos con implantes.  
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.06.2023.