Un proxecto financiado pola Cátedra do Camiño estuda o impacto da ruta xacobea nas empresas turísticas
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións acaba de difundir a través da canle de YouTube da institución compostelá o vídeo de presentación cos resultados do proxecto de investigación ‘Estudo do impacto do Camiño de Santiago na rendibilidade e supervivencia das empresas turísticas’, realizado por Rubén Lado Sestayo, profesor no departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, e María Milagros Vivel Búa, pertencente ao departamento de Economía Financeira e Contabilidade da institución compostelá.
O proxecto que se desenvolveu ao abeiro da convocatoria de proxectos que impulsa a devandita Cátedra aborda a importancia da actividade turística e, en particular, da actividade económica xerada polo Camiño de Santiago. “A importancia da actividade turística e, en particular, da actividade económica xerada polo Camiño de Santiago, xustifican a súa importancia como xerador de benestar, particularmente en multitude de municipios rurais da xeografía española”, sinalan os investigadores. Con todo, o impacto da crise motivada pola COVID-19 “afectou notablemente á rendibilidade e ás posibilidades de supervivencia das empresas turísticas, condicionando a capacidade de resiliencia do tecido empresarial”, matizan.
O obxectivo deste proxecto consiste en cuantificar o impacto da proximidade ao Camiño de Santiago sobre a rendibilidade e a supervivencia das empresas turísticas, considerando tanto variables a nivel de empresa como da súa localización xeográfica. “É necesario estudar as características dunha localización que pode afectar as empresas turísticas, xa que a rendibilidade e supervivencia dunha empresa non só depende das súas propias características”, engaden. A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións é froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.