Pasar al contenido principal

As culturas arredor do viño no contexto da Ribeira Sacra centran un curso promovido pola USC xunto coa UNED

Imaxe da Ribeira Sacra
Imaxe da Ribeira Sacra
Un relatorio do profesor da USC Manuel Gago sobre o patrimonio cultural que representa o viño abre esta tarde en Monforte de Lemos un programa coordinado por Julián López e Elena Freire que reunirá medio centenar de participantes durante tres días na cidade do Cabe, Chantada e Sober
Lugo

Máis de medio centenar de persoas participan desde hoxe no curso ‘Ribeira Sacra: outras miradas sobre o viño’, un programa coordinado e dirixido polo catedrático do Departamento de Antropoloxía Social da UNED Julián López García xunto con Elena Freire Paz, docente e investigadora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC na Facultade de Humanidades do Campus Terra, que ofrece a posibilidade de achegarse durante tres xornadas á dimensión sociocultural do viño desde a perspectiva antropolóxica, especialmente, na Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, nas diversas sesións organizadas en Monforte, Chantada e Sober.

O programa deste curso, estruturado en 20 horas lectivas estruturadas en relatorios, coloquios e obradoiros participativos, arranca este mércores, a partir das 16.15 horas na aula da UNED de Monforte de Lemos, cun breve acto inaugural no que participarán representantes políticos dos concellos de Monforte, Chantada e Sober, así como dos directores desta actividade formativa resultante da colaboración entre USC e UNED.

Unha vez rematada a sesión de apertura, o profesor da USC Manuel Gago ofrecerá o relatorio titulado ‘O viño como patrimonio cultural: das pedras ás palabras’. O panel de expertos que achegan as súas voces e coñecementos a este curso inclúen tamén o catedrático de Antropoloxía da Universitat Oberta de Catalunya Xavier Medina, quen abordará na súa intervención as fronteiras e a construción de territorios identitarios arredor do viño.

O científico titular do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Pedro Tomé abrirá a quenda de relatorios da xornada do xoves cunha aproximación ao significado do patrimonio enolóxico. De seguido, Juan Antonio Flores repasará rituais e poéticas do viño, mentres que Ligia Amparo da Silva, profesora da Universidade Federal da Bahía do Brasil, pechará a sesión matinal coa charla ‘O viño e a alegría de vivir na obra de Jorge Amado’.

O profesor da Universidade de Estremadura Lorenzo Mariano afondará durante a mañá do venres nos discursos sobre a saúde e as culturas do viño e as friccións que se producen, unha intervención á que seguirá outra, a cargo do catedrático da UNED Julián López, baixo o título ‘Patrimonio culinario na UNESCO: materia e símbolo’.

Obradoiros

As actividades prácticas deste curso inclúen un seminario-obradoiro baixo o epígrafe ‘Sentir a diversidade cos cinco sentidos: inmersión na orixe’, ademais dun percorrido sobre o territorio guiado pola profesora de Antropoloxía no Campus de Lugo da USC Elena Freire Paz. Esta proposta itinerante, que leva por título ‘O viño como centro. Deseño de eventos turísticos e roteiros culturais’, levarao alumnado do curso da queixería Airas Moniz, de Chantada, á igrexa de Pesqueiras para rebordar o encoro de Belesar e contemplar o Cabo do Mundo antes de rematar rematar na Rectoral de Gundivós. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2023.