Pasar al contenido principal

O investigador Edgard Camarós, elixido para formar parte da Academia Joven de España

Camarós, investigador Ramón y Cajal na USC dende comezos de ano, foi tamén investigador Marie Curie na Universidade de Cambridge
Camarós, investigador Ramón y Cajal na USC dende comezos de ano, foi tamén investigador Marie Curie na Universidade de Cambridge
O académico electo pertence ao departamento de Historia e a súa liña de investigación céntrase no estudo dos restos humanos prehistóricos e a evolución humana en Europa e África
Santiago de Compostela

O investigador do departamento de Historia da USC, Edgard Camarós, acaba de ser elixido para formar parte da Academia Joven de España, logo de ser avaliado por un comité internacional de especialistas. O obxectivo desta institución, nacida en 2019, consiste en outorgar visibilidade á mocidade investigadora e fomentar a vocación científica en idades temperás. 

Camarós, investigador Ramón y Cajal na USC dende comezos de ano, foi tamén investigador Marie Curie na Universidade de Cambridge. A súa liña de investigación é o estudo dos restos humanos prehistóricos e a evolución humana en Europa e África. É director do proxecto arqueolóxico na cova de El Pendo (Cantabria), xacemento declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, investigador afiliado ao Turkana Basin Institute (Quenia) e membro do King's College de Cambridge. 

“É unha honra poder formar parte da Academia e contribuír dende unha plataforma como esta á mellora da ciencia no noso país. Queda moito por facer no ámbito da paridade, a transparencia ou a precariedade na carreira investigadora, e poder formar parte dun proxecto que outorgue visibilidade a todos estes retos e propoña solucións, é esperanzador”, explicou Edgard Camarós ao coñecer a nova do ingreso. “Hoxe en día a sociedade está a impermeabilizarse do pensamento crítico e científico. Necesitamos institucións independentes que afronten esta realidade, e a Academia é unha de elas”, engade. 

Nomeamento

A xunta xeral da Academia elixiu dez novos académicos/as de número, entre os que se atopa o investigador da USC. No proceso de selección participou un comité internacional independente formado por persoal investigador de gran prestixio que abarca distintas áreas do coñecemento. A esta convocatoria presentáronse 104 candidaturas. A idade media dos dez novos/as académicos/as é de 38 anos. Os seus perfís cobren diferentes ámbitos do coñecemento incluíndo arqueoloxía, filoloxía, arte, historia, ciencias do deporte, inmunoloxía, neuroloxía, fisioloxía, enxeñería industrial, mecánica e aeroespacial ou estudo de materiais.

Ademais de Edgard Camarós, tamén pasan a formar parte da entidade María Casanova Acebes, Andrés Castellanos Gómez, Jaime de Juan Sanz, Irene Esteban Cornejo, Daniel García González, Diana Roig Sanz, Marta Sánchez de la Torre, Katherine Villa Gómez e Ricardo Vinuesa Motilva. Unha das características que distinguen a esta Academia é que a pertenza á mesma está limitada a cinco anos. Esta peculiaridade permite preservar a mocidade dos 50 académicos/as da corporación, incorporándose cada ano 10 novas persoas que substitúen a aquelas cuxa pertenza finaliza nesa anualidade.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.06.2023.