Pasar al contenido principal

As sociedades españolas de Ciencias Forestais e do Solo distinguen dúas teses de doutoramento da EPS de Enxeñaría

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC
As investigacións realizadas por Juan Alberto Molina Valero e Manuel Conde Cid no marco de proxectos e baixo a titoría dos grupos Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (Uxafores) e Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra da USC acadaron, respectivamente, os galardóns outorgados na convocatoria de 2022 polas dúas entidades científicas nacionais
Lugo

As sociedades españolas de Ciencias Forestais e de Ciencias do Solo distinguen as investigacións de doutoramento desenvolvidas e presentadas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC por Juan Alberto Molina Valero e Manuel Conde Cid, segundo se desprende das resolucións xa publicadas polas dúas entidades científicas respecto das súas últimas convocatorias de premios ás mellores teses de doutoramento sobre temática forestal e de solos.

O enxeñeiro de Montes Juan Alberto Molina Valero acadou este recoñecemento pola tese de doutoramento ‘Modelización da perturbación sobre o stock de carbono en masas naturais a partir do IFN e datos de teledetección, para a avaliación dos efectos das perturbacións’. Nesta investigación, dirixida polos profesores na EPS de Enxeñaría da USC Juan Gabriel Álvarez, do grupo Uxafores, e César Pérez Cruzado (PROePLA) e desenvolvida no marco do proxecto Forestchange, Molina Valero conclúe que as masas forestais ‘moi maduras’ non son as que acumulan máis carbono, senón que esta capacidade corresponde a masas que se atopan en estados anteriores de maduración.

O investigador do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo Manuel Conde Cid, que desenvolveu a tese de doutoramento ‘Mecanismos de retención, transporte e degradación de antibióticos en solos agrícolas’ ao abeiro dun proxecto liderado pola catedrática da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Esperanza Álvarez, vén de ser recoñecido co Premio da Sociedade Española de Ciencias do Solo á mellor tese de doutoramento na convocatoria de 2022.

Na súa investigación doutoral, co dirixida por Esperanza Álvarez xunto co tamén catedrático do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da UVigo, Manuel Arias Estévez, Conde Cid afonda nos múltiples riscos derivados do emprego de antibióticos en medicina veterinaria, tal e como poden ser a xeración de e a proliferación de bacterias resistentes, a toxicidade sobre os organismos non obxectivos e a incorporación destes compoñentes tóxicos na cadea alimentaria a través das aguas e dos alimentos cultivados.

O novo recoñecemento das sociedades españolas de Ciencias Forestais e do Solo ás investigacións desenvolvidas na EPS de Enxeñaría a través da distinción de dúas das teses de doutoramento realizadas e dirixidas por docentes e investigadores deste centro universitario da USC pon en valor a calidade da I+D+i do Campus Terra da USC nos ámbitos agroforestal e alimentario.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.06.2023.