Pasar al contenido principal

O IDIS incrementou en 2022 a súa captación de recursos a través de proxectos de investigación

Ao longo de 2022, o IDIS desenvolveu un total de 105 ensaios clínicos, alén doutros 114 estudos. FOTO: Santi Alvite
Ao longo de 2022, o IDIS desenvolveu un total de 105 ensaios clínicos, alén doutros 114 estudos. FOTO: Santi Alvite
A memoria anual deste centro no que participa a USC evidencia tamén que a produción científica superou un ano máis a barreira das 1.000 publicacións. En total, o Instituto captou máis de 43 millóns de euros ao longo do pasado exercicio
Santiago de Compostela

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), no que participa a USC, presentou este luns 19 a súa memoria correspondente ao ano 2022 cuns datos que avalan a relevancia do centro como pioneiro en investigación científica sanitaria en España, tanto polos seus recursos, como polo número de estudos, publicacións e persoal investigador. Así, o informe dá conta de como o IDIS, integrado por 99 grupos de investigación que abranguen sete áreas científicas, conta cun equipo de 1.183 persoas entre persoal investigador e técnico, do cal, o 55,6% son mulleres, fronte ao 44,4% de homes. 

A produción científica do IDIS en 2022, como xa sucedera o ano pasado, superou a barreira das 1.000 publicacións. Ademais, o 24,33% do traballo foi realizado por equipos nos que participaron membros de máis dun grupo do IDIS, mentres que o 48,25% fíxose en colaboración con persoal investigador de centros de fóra de España. Os detalles do informe foron presentados este luns 19 nun acto que contou coa participación de Antonio López, reitor da USC; Eloína Núñez Masid, xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza; María Luz Couce, directora científica do IDIS; e Estrella López-Pardo, xerente do Servizo Galego de Saúde. 

Máis de 43 millóns captados

No relativo á captación de recursos, o Instituto recadou en 2022 un total de 43.577.655,29 euros. Especialmente significativa resulta a cifra de financiamento captado a través de proxectos xa que mantén a tendencia ascendente dos últimos exercicios. Deste xeito e a través de 118 proxectos, captáronse 23.573.716 euros fronte aos 18.933.900 euros do ano pasado. En concreto, e en comparación con outros institutos de investigación sanitaria da contorna estatal, o IDIS sitúase 4ª en número total de proxectos activos en convocatorias públicas competitivas, 5ª en porcentaxe de éxito de convocatorias públicas competitivas, 3ª en número de proxectos europeos captados e 4ª en financiamento medio por Investigador Principal en fondos europeos. 

Ao longo de 2022, o IDIS desenvolveu un total de 105 ensaios clínicos, alén doutros 114 estudos. Tamén se rexistraron 54 solicitudes de patentes, sete concesións, sete marcas rexistradas, trece spin off e dezanove rexistros de propiedade intelectual. Finalmente, ao longo do pasado exercicio, no IDIS desenvolvéronse un total de 88 teses de doutoramento fronte ás 72 de 2021. 
 

De esquerda a dereita, Eloína Núñez Masid, Antonio López Díaz, Estrella López-Pardo e María Luz Couce. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Eloína Núñez Masid, Antonio López Díaz, Estrella López-Pardo e María Luz Couce. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.06.2023.