Dous cursos sobre orientación laboral e viticultura reactivan este mes un plan de formación do Campus Terra con 23 actividades
Dous cursos sobre orientación académica e profesional e viticultura e enoloxía reactivan este mes o programa de formación do Campus Terra da USC, unha iniciativa artellada ao abeiro do convenio asinado coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, a través da que o campus de especialización da USC con sede na capital luguesa ofrece aos membros dos distintos colectivos que conforman a comunidade universitaria, así como a empresas e a axentes produtivos, a oportunidade de participar nun total de 23 seminarios, obradoiros e conferencias sobre temática diversa. A participación nestas actividades é libre e de balde para todo o público interesado, que pode xa formalizar a súa inscrición en liña.
A Facultade de Formación do Profesorado e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo acollerán a partir do vindeiro luns 26 de xuño dúas novas accións do programa de formación do Campus Terra 2022-2023. O seminario titulado ‘Orientación académica e profesional: xestión do tempo, inserción laboral e autoemprego’, estruturado en 12 horas lectivas, contempla dúas xornadas de formación presencial e unha sesión final en liña, durante as que achegará ás persoas inscritas formación sobre análise do mercado laboral e comunicación como elemento chave para a empregabilidade, networking, autoemprego e ‘solopreneurs’, así como información sobre xestión e optimización do tempo no proceso de busca de emprego.
O mundo da viticultura a súa relación co mundo vinícola centra a temática do curso de iniciación á viticultura e enoloxía que bota a andar tamén o luns 26 na EPS de Enxeñaría. Este módulo, cuxas 35 horas formativas se distribúen ao longo de 16 xornadas ata o 27 de outubro, permitirá ao alumnado achegarse ao mundo da viticultura e da enoloxía a través de distintas sesións expositivas e clases prácticas nas que tamén o alumnado será protagonista de microvinificacións, procesos de elaboración de viño, catas...
Alén destas dúas propostas formativas máis inmediatas, o programa de formación do Campus Terra 2022-2023 contempla asemade un amplo ronsel de actividades formativas, estruturadas xa en cursos, seminarios ou mesmo obradoiros, que inclúen módulos básicos e avanzados de QGIS, cursos para coñecer as oportunidades de innovación e colaboración escolar que ofrece o programa europeo eTwinning, ou as prestacións da metodoloxía BIM para a docencia universitaria.
A introdución ao uso de Microsoft Sharepoint (One Drive) e contidos multimedia, o uso e a xestión de Microsoft Teams para docencia e administración, o uso das TIC nos procesos de avaliación e control de plaxio, a introdución ao manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados, ao programa matemático MATHCAD, así como cursos de aprendizaxe ou perfeccionamento do manexo da aplicación de control de accesos DORLET e doutros programas, tales como Microsoft Power-BI, follas de cálculo, ou mesmo de aplicacións orientadas ao emprego da realidade virtual na docencia, centran algúns dos módulos ofertados no programa de formación do Campus Terra.
A proposta de formación complementaria deseñada desde o Campus Terra da USC abrangue asemade obradoiros sobre hábitos e técnicas de estudo, xestión de estrés ou de elaboración de queixos. Outras das temáticas abordadas no marco deste programa de formación complementaria atinxen a metodoloxías activas para o ensino innovador, ao uso racional de enerxías alternativas, ou ao uso, administración e xestión dos parques naturais. O relatorio ‘Seguiremos ensinando na sociedade da intelixencia artificial?’, a cargo de Senén Barro, amplía tamén a outro novo ámbito as propostas de formación complementaria artelladas desde o Campus Terra da USC para os vindeiros meses.