Pasar al contenido principal

Redes sociais, un termómetro dos investimentos financeiros

A doutora Ada Pérez Pico, terceira pola esquerda, entre os membros do tribunal e os directores da súa tese de doutoramento
A doutora Ada Pérez Pico, terceira pola esquerda, entre os membros do tribunal e os directores da súa tese de doutoramento
A luguesa Ada Pérez Pico afonda na súa tese doutoral, dirixida por López Cabarcos e Piñeiro Chousa, a relación entre o perfil do investidor nas redes sociais e a súa estratexias

As redes sociais poden actuar como termómetros financeiros ou referencias para acometer investimentos en bolsa. Esta cuestión centra a investigación de doutoramento que vén de presentar a luguesa Ada M. Pérez Pico na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC baixo o título Analysis of the investor sentiment and its influence on financial markets behavior through social networks. A autora desta tese, dirixida polos profesores Ángeles López Cabarcos e Juan Piñeiro Chousa, afonda neste traballo no estudo das teorías que defenden que a condutas dos investidores nos mercados financeiros non sempre se rexen polos criterios da razón.

As finanzas condutuais manteñen que a razón non é o criterio exclusivo dos investidores. Os sentimentos constitúen un dos aspectos aos que se presta especial atención no amplo abano de teorías e conceptos psicolóxicos que se aplican nas finanzas condutuais. Daquela, a análise do sentimento dos investidores tense convertido nun campo de investigación prolífico que se atopa en constante crecemento, segundo salienta Pérez Pico, que achega na súa tese doutoral unha análise pormenorizada da relación entre os sentimentos que os investidores verten nas redes sociais e os mercados financeiros.

Os resultados acadados por Pérez Pico no marco das súas pescudas conclúen que as redes sociais teñen unha influencia directa nos movementos e na volatilidade dos mercados financeiros, ao tempo que salienta que o perfil do investidor nas redes sociais é un factor relevante nesta relación.

Logo de probar a existencia dunha relación directa e de carácter bidireccional entre o sentimento dos investidores nas redes sociais e os mercados financeiros, a doutora Pérez Pico estima que tanto as persoas que invisten como as propias empresas deben prestar atención á actividade rexistrada nas redes sociais en aras a mellorar as súas estratexias de investimento.

Tribunal de tese e cualificación

O profesor da Escola de Administración da Universidade de Lancaster Alistar Anderson presidiu o xurado encargado da avaliar a tese de doutoramento internacional presentada por Ana M. Pérez Pico. O profesor da Universidade de Valencia Domingo Ribeiro Soriano e Beatriz Aibar Guzmán, profesora da USC, completaron a composición dun tribunal que acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por esta investigadora luguesa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2019.