Pasar al contenido principal

Un encontro internacional profundará nos textos científicos medievais relativos á saúde

Un encontro internacional profundará nos textos científicos medievais relativos á saúde
Un encontro internacional profundará nos textos científicos medievais relativos á saúde
O congreso xa ten aberta a inscrición, gratuíta para o alumnado de catro programas de doutoramento da USC e para a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares

Os textos científicos medievais permanecen con frecuencia á marxe dos estudos filolóxicos, coa irreparable falla que supón no coñecemento dunha parcela importante da cultura medieval. Para contribuír a cubrir parte dese baleiro, especialistas de referencia internacional reuniranse en Compostela, na Facultade de Filoloxía entre o 25 e o 27 de setembro, nun encontro científico que pretende mostrar os nomes e espazos que privilexiaron a redacción e tradución de obras relativas á saúde.

O congreso internacional ‘Ciencias da saúde animal (e humana) na Idade Media europea: autores, textos e contextos’ porá o foco nos manuais dedicados a preservar os animais que foron signo de identidade da nobreza medieval –o cabalo e as aves de caza–, mais tamén nas obras dedicadas á botánica, á farmacoloxía ou á medicina, dadas as relacións existentes entre esas disciplinas e a veterinaria. Nas intervencións primarase o achegamento aos textos desde unha perspectiva filolóxica, aínda que non se desatenderán a histórica nin a médico-veterinaria-farmacéutica.

Dirixido por Gerardo Pérez Barcala, o congreso forma parte das actividades desenvolvidas no proxecto de investigación ‘Edición crítico-interpretativa do Livro d’Alveitaria». Bases para unha plataforma en liña da tradición do «De medicina equorum»’ e está promovido polo grupo de investigación Románicas da USC e a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.

O evento está recoñecido como actividade formativa dos programas de doutoramento da USC ‘ Estudos Medievais’; ‘Estudos da Literatura e da Cultura’; ‘Historia, Xeografía e Historia da Arte’, e ‘Medicina e Sanidade Veterinaria’. A inscrición é gratuíta para os alumnos destes programas e para os membros da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.09.2018.