Pasar al contenido principal

O profesor Felipe Gago traduce ao galego a obra de Rózsa Péter ‘Xogando co infinito’

De esquerda a dereita, Elena Vázquez Cendón, Rosario Álvarez, Valentín García e Felipe Gago. FOTO: CCG
De esquerda a dereita, Elena Vázquez Cendón, Rosario Álvarez, Valentín García e Felipe Gago. FOTO: CCG
A presentación do volume desenvolveuse na Facultade de Matemáticas e conta cun texto introdutorio da decana, Elena Vázquez Cendón
Santiago de Compostela

A Facultade de Matemáticas da USC foi escenario este xoves 22 da presentación da tradución ao galego de Xogando co infinito, editada polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dunha obra divulgativa que escribiu a húngara Rózsa Péter hai oitenta anos arredor de conceptos matemáticos relacionados co infinito e que conta con dous textos introdutorios, un dos cales é obra da decana do centro, Elena Vázquez Cendón. O tradutor do volume é o profesor da USC Felipe Gago. 

“Escribín este libro para persoas con inquedanzas intelectuais que non son matemáticas […] para facerlles ver que as matemáticas e as artes non son tan diferentes entre si”, confesou Rózsa Péter, pioneira da divulgación científica no prefacio da primeira edición. A profesora Vázquez Cendón e o profesor Felipe Gago; a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron na Aula Magna deste centro da USC esta obra, que xa está dispoñible para descarga.

A obra presenta en termos accesibles para o público profano dende os conceptos matemáticos máis elementais, como os que se imparten en primaria, ata nocións sutís ás que nos achegamos cara ao final do bacharelato e mesmo máis aló, como os paradoxos que fixeron tremer as matemáticas de principios do século XX. Felipe Gago explica que o libro está escrito “nun estilo literario, nunha forma case continua, sen apenas fórmulas. A autora, sen resultar técnica nin superficial, consegue falar con total claridade e moita orixinalidade sobre todo un abano de temas, desde o proceso de contar ata os teoremas de Gödel e Church, sendo unha das primeiras —e, para moita xente, aínda unha das mellores— presentacións dos resultados de incompletitude de Gödel para o público xeral”.

É un relato popular dos moitos conceptos matemáticos relacionados co infinito e unha introdución a todo o campo das matemáticas. O libro está dividido en tres partes: ‘A aprendiz de meiga’, ‘A forma creadora’ e ‘A autocrítica da razón pura’, e nelas, a autora desenvolve o seu material en vinte e dous capítulos. No volume debúllanse moitos conceptos matemáticos importantes: sistemas numéricos, progresións aritméticas, diagonais de polígonos convexos, combinatoria, a lei dos números primos, ecuacións, números negativos, vectores, operacións con fraccións, series infinitas, números irracionais, teorema de Pitágoras, táboas de logaritmos, xeometrías non euclidianas, a recta no infinito, integrais indefinidas e definidas, a cuadratura do círculo, números transcendentes, a teoría de grupos, a teoría de conxuntos, metamatemáticas e moito máis. O resultado é, en palabras do tradutor, “un libro orixinal de interese tamén para profesionais e profesorado de Matemáticas”.

A edición conta, ademais, con dous textos introdutorios. Un deles é de Peter Lax, gañador do Premio Abel, discípulo de Einstein e un dos alumnos das clases particulares coas que Rózsa Péter gañou a vida cando foi vetada pola súa condición de xudía no Budapest antisemita de entreguerras. O outro é de Elena Vázquez Cendón, no que destaca as salientables achegas da autora a disciplinas como a matemática ou a informática e o seu compromiso por “iniciar camiños na investigación e rozalos para as mulleres”, xa que foi “das que sementaron vocacións en mozas e mozos en idades temperás e tenderon pontes con colegas doutras disciplinas”. Na contribución de Elena Vázquez Cendón tamén se inclúe unha presentación de Susana Mataix, autora de Matemática es nombre de mujer.

Rózsa Péter

Rózsa Péter naceu en Budapest o 17 de febreiro de 1905, no seo dunha familia xudía. Fascinada pola ciencia desde a escola, comezou a estudar Química na Universidade Eötvös Loránd, pero axiña descubriu que a súa vocación eran as matemáticas, disciplina da que se graduou en 1927. Afectada pola depresión de 1929, sobreviviu dando clases particulares a estudantes ao tempo que cursaba os seus estudos de posgrao, primeiro sobre a teoría de números e máis tarde, por influencia do seu amigo e colaborador Janos Kalmár, centrada no traballo de Kurt Gödel arredor da incompletitude, en particular sobre as funcións recursivas. Presentou esta investigación no International Congress of Mathematicians (ICM) de 1932, en Zürich, e doutorouse en 1935. Sufriu os avatares da guerra, xa que, cando a súa carreira comezaba a despegar, en 1939 o Goberno pronazi de Hungría aprobou leis antixudías que lle prohibiron ensinar e que mesmo a levaron a ser confinada brevemente no gueto de Budapest. Rózsa continuou o seu traballo de investigación durante toda a Segunda Guerra Mundial e ao seu remate conseguiu o seu primeiro posto de profesora a tempo completo na Facultade de Formación do Profesorado de Budapest. En 1952, foi a primeira muller húngara en ser nomeada doutora académica en Matemáticas. Ensinou nesa facultade durante unha década ata que pechou en 1955, momento en que foi nomeada profesora titular da Universidade Eötvös Loránd.

Foi activa na promoción do ensino das matemáticas nas escolas, especialmente para nenas e mulleres novas, e deu conferencias sobre como "as matemáticas son fermosas". Recibiu o Premio Kossuth e o Premio Manó Beke en 1953, así como o Premio Estatal, Grao de Prata (1970) e Grao de Ouro (1973). En 1973 tamén foi a primeira muller matemática en converterse en membro da Academia de Ciencias de Hungría.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.