Pasar al contenido principal

O Comité Consultivo de Ciencias da Comunicación reforzará as conexións do centro co tecido empresarial

O mesmo marco normativo contempla que este Comité Consultivo se reunirá, como mínimo, unha vez ao ano. FOTO: Santi Alvite
O mesmo marco normativo contempla que este Comité Consultivo se reunirá, como mínimo, unha vez ao ano. FOTO: Santi Alvite
Este órgano asesorará á Facultade á hora de debater tendencias e cambios sociais de interese para a actividade docente e investigadora ou canalizar información á sociedade para incrementar a proxección da Universidade na súa contorna, entre outras finalidades
Santiago de Compostela

O Comité Consultivo da Facultade de Ciencias da Comunicación reforzará as conexións do centro co tecido empresarial da información e da comunicación en Galicia. O órgano contemplado no Sistema de Garantía de Calidade da Universidade e das Facultades acaba de botar a andar e ten como finalidade asesorar ao centro á hora de debater tendencias e cambios sociais de interese para a actividade docente e investigadora, compartir experiencias que axuden a mellorar a calidade da docencia e da investigación, reforzar a conexión e as relacións entre a Universidade e a empresa, e canalizar información á sociedade para incrementar a proxección da Universidade na súa contorna. 

O mesmo marco normativo contempla que este Comité Consultivo se reunirá, como mínimo, unha vez ao ano e que, co obxecto de facilitar a recollida de información para as consultas necesarias, poderanse artellar mecanismos alternativos á reunión presencial que permitan a participación dos seus integrantes (solicitude de informes, enquisas, ou xuntanzas telemáticas e/ou híbridas, entre outras). 
 
“Existindo xa comités consultivos en varias facultades da USC, entendemos que tamén era o momento de constituír e activar o que corresponde á Facultade de Ciencias da Comunicación”, explicou a decana Ana Isabel Rodríguez. “Con este motivo, e entendendo que o xornalismo e a comunicación son pezas esenciais da nosa sociedade, convidamos a empresas e institucións a formar parte deste Comité, co ánimo de traballar conxuntamente para reforzar e mellorar unhas relacións que xa están consolidadas dende os inicios desta Facultade, e que agora cómpre intensificar para seguir afrontando os desafíos dunha sociedade da información e da comunicación en permanente cambio, polo que este Comité permanece aberto a novas incorporacións do ámbito do xornalismo e da comunicación que estean interesadas en participar e colaborar”, engade.

Constitución

No acto de constitución participaron, por parte do sector, Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA); Daniel Núñez Lázare, en representación de AGAPI; Gaspar Broullón, vicepresidente e responsable da Área de Formación do Clúster Audiovisual Galego; Xaime Leiro, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG; Xaime Leiro, director de El Correo Gallego; Xosé Luis Vilela, director de La Voz de Galicia; Mario Moreno Gil, director rexional e delegado de PRISA en Galicia; e María Obelleiro, directora de Nós Diario.  

Por parte da Facultade, participaron o director do Gabinete do reitor, Carlos Toural; a decana Ana Isabel Rodríguez; a vicedecana de Calidade, Antía López Gómez; a vicedecana de Estudantes, Comunicación e Comunidade, Alba Silva; o coordinador do grao en Xornalismo, Xosé López García; o coordinador do grao en Comunicación Audiovisual e dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, Enrique Castelló Mayo; e a coordinadora do mestrado en Xornalismo e Comunicación Multimedia, Berta García Orosa. 
 

O órgano reúne persoal do centro e do sector empresarial
O órgano reúne persoal do centro e do sector empresarial
Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.06.2023.