Pasar al contenido principal

Un investigador da USC, premio á mellor tese de doutoramento en física nuclear da Sociedade Europea de Física

José L. Rodríguez recollendo o premio á mellor tese no transcurso da 4ª Conferencia Europea de Física Nuclear celebrada en Bolonia
José L. Rodríguez recollendo o premio á mellor tese no transcurso da 4ª Conferencia Europea de Física Nuclear celebrada en Bolonia

O investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC José L. Rodríguez Sánchez (Pobra do Brollón, 1988) acaba de ser galardoado co premio máis prestixioso que poden recibir os investigadores novos no campo da Física Nuclear en Europa, un dos tres premios á mellor tese de doutoramento do período 2015-2017 da división de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física (EPS). O investigador galego realizou a súa tese no grupo experimental de Núcleos e Partículas da USC entre 2011 e 2015 baixo a dirección do profesor José Benlliure Anaya.

Este galardón súmase ao premio á mellor tese que tamén lle outorgou o Grupo Especializado de Física Nuclear da Real Sociedade Española de Física (RSEF) no bienio 2015-2016 e o premio ao mellor investigador novel de 2016 da Comunidade de Núcleos Exóticos do acelerador FAIR no laboratorio GSI, un dos principais laboratorios de física nuclear en Europa emprazado en Darmstadt (Alemana).

O investigador do IGFAE, instituto recoñecido como unidade de excelencia ‘María de Maeztu’, utilizou na súa tese unha nova técnica para estudar o proceso de fisión do núcleo atómico, do que se extrae a enerxía nuclear. Os núcleos que se fisionan son os máis pesadas da táboa periódica (aqueles con máis protóns, como o uranio). Na forma tradicional de fisión, faise chocar un núcleo lixeiro en movemento contra un núcleo pesado en repouso. Desta forma, os dous fragmentos de fisión resultantes adquiren unha enerxía relativamente pequena sen que se poida determinar a súa carga (número de protóns).

Na nova técnica desenvolvida nos laboratorios da USC e descrita na tese premiada, o investigador dálle a volta á reacción: acelérase o núcleo pesado a moita enerxía cos aceleradores de GSI/FAIR e faise chocar contra un núcleo lixeiro en repouso. Desta forma, os dous fragmentos de fisión gardan parte da enerxía que tiña o núcleo antes de partirse e chegan aos detectores coa enerxía suficiente para poder determinar a súa composición tanto en número de protóns como de neutróns, algo esencial na investigación en física nuclear.

O experimento, desenvolvido nas instalacións de GSI/FAIR en Alemaña, permitiu por vez primeira a completa identificación dos dous fragmentos nos que se divide o núcleo atómico como consecuencia da fisión. As medidas permitiron mellorar o coñecemento que se ten sobre este proceso e, en particular, sobre como a enerxía de excitación gañada nunha reacción nuclear se transforma en deformación do núcleo ata inducir a súa fusión. Ademais, posibilitou abrir unha nova liña de investigación no laboratorio alemán onde continúa actualmente o seu labor José L. Rodríguez Sánchez.

Os investigadores da USC precisaron un imán de grandes dimensións para curvar a traxectoria dos fragmentos e así determinar a súa masa (número de protóns e de neutróns). Tamén mediron as súas velocidades mediante unha técnica cunha precisión ao límite da tecnoloxía actual (20 picosegundos). No futuro, pretenden completar este experimento utilizando o espectrómetro CALIFA, cuxo desenvolvemento lidera este grupo de investigación do IGFAE, identificando así outras partículas que se produce na fisión para completar a información sobre o proceso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.09.2018.