Pasar al contenido principal

Un chip xenético garante a autenticidade do mexillón galego

Mexillóns de Galicia. Foto de iStock
Mexillóns de Galicia. Foto de iStock
A nova ferramenta desenvolvida por un consorcio europeo liderado polo CSIC no marco do proxecto Interreg ‘Sea Traces’, e en cuxa creación colaborou grupo Acuigen do Campus Terra da USC co centro tecnolóxico Azti, permite distinguir con alta precisión a orixe xeográfica dos mexillóns cultivados en Galicia
Lugo

Un chip xenético desenvolvido por un consorcio europeo liderado polo CSIC permite distinguir con alta precisión a orixe xeográfico do mexillón cultivado en Galicia e garante así a autenticidade do molusco galego. A nova ferramenta creada no marco do proxecto europeo ‘Sea Traces’, liderado polo grupo do Bioquímica dos Alimentos do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, posibilita, a través de técnicas de secuenciación e análises xenéticas, identificar 17 marcadores específicos deste molusco bivalvo procedente de Galicia. Para a creación deste chip, o centro tecnolóxico Azti contou coa colaboración do grupo Acuigen do Campus Terra da USC, un equipo de investigación coordinado polo catedrático de Xenética Paulino Martínez Portela e especializado no desenvolvemento e na aplicación de ferramentas xenómicas para a xestión sustentable de pesquerías e para a súa aplicación en programas de selección de peixes e moluscos, así como para a trazabilidade alimentaria.

A disposición desta nova ferramenta xenómica, creada a partir da composición xenética da especie de mexillón mediterráneo (Mytilus galloprovincialis) e trala identificación dos seus marcadores específicos, ofrece tamén a produtores e investigadores expertos un novo recurso para identificar, validar e avaliar riscos xenéticos complexos nesta especie. Os resultados deste chip xenético poden contribuír á explotación sustentable destas especies, ademais de resultar útiles para combater ou evitar o fraude comercial e mesmo para garantir a súa trazabilidade.

A posta en valor da pesca e da acuicultura na área atlántica da UE a través dunha correcta etiquetaxe que permita ao consumidor coñecer e rastrexar a orixe do produto, constitúe un dos principais cometido de ‘Sea Traces’. No marco deste programa, que remata este ano tras a súa posta en marcha en 2018, o centro tecnolóxico AZTI liderou un estudo xenético no que se identificaron 17 marcadores específicos do mexillón galego, logo de analizar máis de 200 mostras de moluscos de diferentes procedencias xeográficas. A partir desta información, AZTI e o grupo Acuigen da USC desenvolveron este novo chip xenético.

Os resultados acadados antóllanse importantes para comprender a dinámica xenética das poboacións de mexillóns cultivados, ademais de ser tamén útiles para avaliar a efectividade das prácticas de manexo e selección na acuicultura. Tamén proporcionan información valiosa para o desenvolvemento de estratexias de conservación e mellora xenética desta especie de importancia económica e ecolóxica. “Rastrexar a orixe xeográfica desta especie é crucial para o desenvolvemento e a implementación de estratexias de manexo para mitigar a invasión e protexer a explotación sustentable de especies nativas”, explica Ane del Río, investigadora de AZTI experta en integridade alimentaria.

Aumentar a confianza

A capacidade de identificar con precisión a procedencia xeográfica dos mexillóns, ademais de ter gran importancia para a xestión sustentable da acuicultura e as pesqueiras, ten tamén implicacións para os produtores, que poden así aumentar a confianza dos consumidores, e mesmo para as autoridades alimentarias que poden utilizar esta información para garantir o cumprimento das regulacións de trazabilidade e seguridade alimentaria, explica Del Río.

A relevancia deste chip xenético do mexillón é aínda maior debido á importancia desta especie no comercio internacional e á distancia entre os lugares de produción e consumo. Daquela, cómpre lembrar que a produción acuícola mundial de mexillóns alcanzou en 2018 os 2,11millóns de toneladas e un valor aproximado de 4.519 millóns de dólares, segundo datos publicados en 2020 pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). Na Unión Europea, estes moluscos representan o 34% da produción total de acuicultura e Galicia produce máis do 97% do mexillón cultivado en España.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2023.