Pasar al contenido principal

Estudantes da Economía da USC propoñen melloras en seis barrios e parroquias de Compostela

Estudantes da Economía da USC propoñen melloras en seis barrios e parroquias de Compostela
Estudantes da Economía da USC propoñen melloras en seis barrios e parroquias de Compostela
Nas conclusións do proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘Universidade, sociedade e desenvolvemento. A Aprendizaxe-Servizo no eido do desenvolvemento local’

Alumnado da materia Desenvolvemento Rexional e Desenvolvemento Local de terceiro curso do Grao en Economía que imparten Manuel González e Carmela Sánchez traballou este curso no proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘Universidade, sociedade e desenvolvemento. A Aprendizaxe-Servizo no eido do desenvolvemento local’.

O traballo consistiu nunha análise socieconómica dos barrios e parroquias de Conxo, Sar, Lavacolla, Laraño, Pontepedriña e Fontiñas. Para iso, ademais da investigación teórica da historia e características socioeconómicas do Espazo, mantiveron entrevistas coas persoas responsables dos Centros Socioculturais, representantes da veciñanza, asociacións e tecido económico de cada espazo. Estudaron tamén a EDUSI ReVive Santiago para formular propostas coherentes coa estratexia marco de desenvolvemento sostible integrado do Concello de Santiago.

O proxecto recolle nas súas conclusións peticións para a mellora destes barrios e parroquias en materia de infraestruturas, dinamización comercial, valorización do patrimonio para a súa explotación turística, novos establecementos comerciais e servizos demandados pola veciñanza. Todas elas serán incorporadas polo Concello na programación das actividades de dinamización socioeconómica no marco dos programas municipais ‘Compostela Móvese’ e ‘Aposta polo teu barrio” e daráselle traslado aos outros departamentos municipais con competencia nas demandas formuladas para a súa valoración.

A Aprendizaxe-Servizo é unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna, o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. A Universidade de Santiago de Compostela implantou estes proxectos no curso académico 2016-2017.

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu este mércores o acto de clausura do Proxecto, que presidiu a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e no que tamén interviñeron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a decana da Facultade, Emilia Vázquez; a profesora Carmela Sánchez; o profesor de Pedagoxía e Didáctica Alexandre Sotelino Losada; e a alumna Belén Rodríguez Soto.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.07.2018.