Pasar al contenido principal

A USC súmase á reivindicación da RUD a prol das políticas de diversidade

En liña coas reivindicacións da RUD, a fachada do Colexio San Xerome loce ao longo desta semana a bandeira LGTBIQA+ con motivo da conmemoración, este mércores 28, do Día Internacional do Orgullo.  FOTO: Santi Alvite
En liña coas reivindicacións da RUD, a fachada do Colexio San Xerome loce ao longo desta semana a bandeira LGTBIQA+ con motivo da conmemoración, este mércores 28, do Día Internacional do Orgullo.  FOTO: Santi Alvite
A segunda edición do Encontro da Rede de Universidades pola Diversidade congregou a representantes de corenta institucións da contorna estatal e serviu de marco para reiterar o compromiso polo respecto á diversidade dende unha perspectiva interseccional
Lugo, Santiago de Compostela

Corenta universidades da contorna estatal, entre as que se atopa a USC, integran a segunda edición do Encontro da Rede de Universidades pola Diversidade (RUD) celebrado en Madrid. O foro serviu de marco para reiterar o compromiso da Rede polo respecto á diversidade dende unha perspectiva interseccional. Marta Pérez Pereiro, delegada do reitor para a Igualdade, foi a representante da USC no encontro. En liña coas reivindicacións da RUD, a fachada do Colexio San Xerome loce ao longo desta semana a bandeira LGTBIQA+ con motivo da conmemoración, este mércores 28, do Día Internacional do Orgullo. 

Durante as xornadas ‘Políticas de diversidade sexual e de xénero, por procedencia, cultura, crenza e afíns’ reflexionouse sobre cales son as casuísticas en materia de igualdade e diversidade en cada universidade e puxéronse en común propostas para abordar os novos marcos lexislativos da Lei Orgánica do Sistema Universitario, a Lei de Ciencia, Innovación e Tecnoloxía, a Lei de Convivencia Universitaria, a Lei para a Igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI e a Lei Integral para a Igualdade de trato e a non discriminación.

A RUD celebra que a LOSU recolla a obrigación das universidades de contar entre as súas estruturas básicas con Unidades de Diversidade e emprace ás universidades para dotalas dos recursos necesarios para o desenvolvemento das súas funcións, polo que “reivindicamos o seu cumprimento por parte das institucións universitarias e organismos”. 

“Dado que a nosa actividade como universidades está enfocada á investigación, a docencia e a transferencia, debemos fomentar o coñecemento da realidade das persoas LGTBIQA+, as persoas racializadas e as persoas con diversidade funcional e cognitiva”, apuntan dende a RUD, reivindicación á que se suma a USC. Para acadar este obxectivo é preciso centrarse na promoción de investigacións de calidade sobre diversidade e na inclusión na oferta formativa destes valores “de forma transversal, poñendo énfase na loita contra a ‘lgtbifobia’, o racismo, o antixitanismo e o capacitismo a través de campañas de sensibilización, detección e intervención”.

A RUD mostra a súa preocupación polo incremento dos discursos en contra das ópticas dos Dereitos Humanos fundamentais. “A Universidade como institución educativa debe continuar fomentando unha capacidade crítica, reflexiva e analítica que permita a transformación para construír unha sociedade máis habitable para todas as persoas”, afírmase dende a Rede. “A RUD non é allea á sociedade na que estamos inmersas. Por iso traballamos para que as universidades se constitúan como espazos seguros e nos reivindicamos como institucións aliadas de causas sociais para poder celebrar a igualdade de dereitos e a convivencia na diversidade”, engade.

Definición e composición da Rede

A Rede defínese como “feminista, LGTBIQA+, transincluínte, despatoloxizante, mestiza, inclusiva, progresista, ecoloxista, políglota, antirracista, anticapacitista, antipatriarcal, segue os principios de equidade e xustiza social. E sobre todo, abraza a diversidade familiar, é visible e é orgullosa”. 

Ademais da USC, integran a Rede a Universidade da Coruña, Universidad de Alcalá, Universitat d'Alacant, Universidad de Almería, Universitat Autònoma de Barcelona, Universidad Autónoma de Madrid, Universitat de Barcelona, Universitat Oberta de Catalunya, Universidad Carlos III de Madrid, Universidad de Cádiz, Universidad de Córdoba, Universidad de Extremadura, Universidad Fernando Pessoa-Canarias, Universitat de Girona, Universidad de Granada, Universidad de Huelva, Universidad de Jaén, Universitat Jaume I de Castelló, Universidad de La Laguna, Universidad de La Rioja, Universidad de León, Universitat de Lleida, Universidad de Málaga, Universidad Miguel Hernández de Elche, Universidad de Oviedo, Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, Universidad Politécnica de Cartagena, Universitat Politècnica de Catalunya, Universidad Politécnica de Madrid, Universitat Politècnica de València, Universitat Pompeu Fabra, Universidad Rey Juan Carlos, Universitat Rovira i Virgili, Universidad de Sevilla, Universitat de València, Universidad de Valladolid, Universidade de Vigo e Universidad de Zaragoza.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.06.2023.