Pasar al contenido principal

Marta López Alonso, distinguida co premio de Saúde Animal España na categoría de Seguridade Alimentaria

Marta López Alonso, na intervención na gala de entrega de premios. Foto de 'Animal's Health'
Marta López Alonso, na intervención na gala de entrega de premios. Foto de 'Animal's Health'
O galardón outorgado por ‘Animal’s Health’ recoñece a catedrática do Departamento de Patoloxía Animal da USC no Campus Terra como “gran exemplo do importante cometido da veterinaria na seguridade alimentaria e na saúde pública”
Lugo

A catedrática do Departamento de Patoloxía Animal da USC na Facultade de Veterinaria do Campus Terra Marta López Alonso vén de ser distinguida na segunda edición dos Premios de Saúde Animal en España, un certame promovido por ‘Animal’s Health’ co obxecto de recoñecer os profesionais máis importantes do sector baixo o enfoque ‘One Health’, co galardón na categoría de Seguridade Alimentaria.

O comité responsable da concesións dos II Premios Animal’s Health xustifica a súa decisión no feito de que “Marta López Alonso é un gran exemplo do importante papel da veterinaria na seguridade alimentaria e na saúde pública”. Esta docente e investigadora da USC, engade a resolución, “centrou a súa carreira científica na alimentación dos animais de compañía e dos animais de produción, un campo que repercute directamente na saúde dos animais e tamén das persoas”.

A distinción de López Alonso co Premio de Saúde Animal España na categoría de Seguridade Alimentaria pon tamén en valor o feito de que esta investigadora luguesa oriunda da Fonsagrada, é membro do panel de expertos da Comisión Técnica de Aditivos e Produtos ou Substancias utilizados nos Pensos para Animais da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria.

Esta comisión é a encargada de proporcionar asesoramento científico sobre a seguridade ou a eficacia dos aditivos e os produtos ou substancias que se empregan na alimentación animal, avaliando a seguridade, ademais da eficacia que estes supoñen para as especies obxectivo, usuarios, consumidores dos produtos de orixe animal e o medio ambiente.

Outro dos méritos da profesora Marta López Alonso que motivaron a concesión deste premio responde á súa condición de coordinadora de “potentes proxectos relacionados coa saúde humana”, segundo se recolle no ditame do xurado, que fai fincapé no programa ‘Minerais contra o cancro’. Esta iniciativa científica aberta á participación cidadán ten como finalidade analizar o papel dos minerais na incidencia de determinados tumores e valorar o seu uso como complemento nos tratamentos para mellorar a calidade de vida e o prognóstico dos pacientes.

Marta López Alonso salientou na súa intervención na cerimonia de entrega de premios celebrada en Madrid que este galardón supón “un gran orgullo”, ao tempo que tivo palabras de agradecemento para os membros do grupo Investigación en Medicina Animal (IMedA) da USC, polo seu traballo e porque “un investigador non é ninguén sen equipo”. A investigadora galardoada lembrou asemade que nos comezos da súa carreira científica, unha experiencia nun equipo multidisciplinar en 1995, antes de que se estendera oficialmente o concepto ‘One Healht’, marcou toda a súa vida e a súa actividade científica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.06.2023.