O proxecto Mentoring pecha a súa oitava edición co recoñecemento a 78 estudantes e 94 mentores/as
A oitava edición do proxecto ‘Mentoring USC Desenvolvemento Profesional’ baixou o pano este venres 30 co acto institucional de entrega de diplomas aos 78 alumnos e alumnas, así como ás 94 persoas que actuaron como mentores/as. Este programa pretende mellorar as posibilidades de acceso ao mundo laboral dos estudantes que obtiveron recentemente a súa titulación, facilitándolles a posibilidade de establecer contacto con profesionais experimentados na área profesional da que proveñen.
A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu este acto de recoñecemento no que tamén participaron Alba Varela Rodríguez, alumna do mestrado de Psicoloxía Xeral Sanitaria e participante na actual edición de Mentoring, que interveu en representación do alumnado; e, en representación dos e das mentoras, Julio Martínez Rumbo, project manager no Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), mentor colaborador na actual edición do programa.
Pilar Murias tivo unhas verbas de agradecemento e recoñecemento para estudantes e mentores que participaron neste programa ao que definiu como “unha das xoias da USC” e no que, ao longo de oito edicións, levan participado arredor de 800 estudantes. A vicerreitora subliñou o compromiso da USC “cunha formación plena” e reflexionou sobre a incerteza que trae consigo o eido profesional cando se acaba de cursar unha titulación. “Non somos conscientes de todo o que nos brinda o mundo laboral”, dixo Pilar Murias para despois salientar que o estudantado do Mentoring “sae da súa zona de confort” e “explora camiños que non tiña en mente”. Pilar Murias estivo acompañada na mesa polas orientadoras da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, Charo García Gancedo e Puri Torrente Sánchez, mentres que Nuria Rey Quintás foi a encargada de ler os nomes de estudantes e mentores durante a entrega de diplomas.
Fases do proxecto
Ao longo do desenvolvemento do proxecto, realizáronse diversas accións formativas, dirixidas ao alumnado participante, como a elaboración dun currículo por competencias, o deseño e elaboración dun plan de acción ou a xestión de redes sociais para a busca de emprego. Ademais destas accións formativas nas que puido participar o alumnado ao longo da primeira fase do proxecto (1º cuadrimestre), tamén se desenvolveu a xornada de networking para mentores participantes baixo o lema ‘Intelixencia conversacional no Mentoring. Como converterse en impulsor da intelixencia do teu mentee’. Durante esta xornada, “facilitáronse estratexias para elaborar un plan e unha guía á hora de mentorizar o alumnado, dando espazo ao intercambio de vivencias, reflexións e achegas”, explican dende a Área de Orientación Laboral e Emprego da USC.
Xa na segunda fase (segundo cuadrimestre), propúxoselle a cada estudante participante o mentor ou mentora axeitada, en función da área formativa do alumno/a e os seus intereses e obxectivos. Así, as persoas mentoras facilitan coñecementos da súa área de traballo ou información sobre alternativas profesionais, alén de clarificar dúbidas sobre a profesión elixida, ofrecer apoio para a definición do obxectivo profesional e de itinerarios formativos, e facilitar coñecementos específicos e prácticos sobre a profesión.