Pasar al contenido principal

Un filme musical para a alfabetización climática serve de colofón ao proxecto EduCinema Clima TourAction

O proxecto procurou a alfabetización climática de estudantes de entre 15 e 17 anos
O proxecto procurou a alfabetización climática de estudantes de entre 15 e 17 anos
Liderado pola USC, este consorcio elaborou unha película integrando escenarios en diferentes países e contextos de interese para o turismo verde, a cal poderá verse en Galicia en próximas datas
Santiago de Compostela

EduCinema Clima TourAction é un proxecto liderado dende a USC que pon o foco no cinema como recurso pedagóxico e social na acción polo clima. O Museo Elder nas Palmas de Gran Canaria acolleu a última reunión deste consorcio conformado por tres universidades e tres centros de educación secundaria obrigatoria pertencentes a España, Italia, Polonia e Portugal. En representación da USC participan os membros do grupo de investigación SEPA-interea, José Antonio Caride Gómez, en calidade de coordinador e investigador principal deste proxecto Erasmus; e o profesor Francisco Soñora Luna, como coordinador técnico.

O proxecto procurou a alfabetización climática de estudantes de entre 15 e 17 anos que crearon unha película de cinema musical, integrando escenarios en diferentes países e contextos de interese para o turismo verde, a cal poderá verse en Galicia en próximas datas. Neste senso, “a alfabetización cinematográfica para un turismo verde de acción polo clima pon a énfase nunha dobre perspectiva de reflexión e acción pedagóxica-social, cun enfoque interxeneracional, ambiental, escolar, social, cívico e comunitario”, explican.

Este contexto amplía as potencialidades inherentes á creatividade colectiva centrada na acción polo clima (ODS 13), e o rol protagonista das aprendizaxes ao longo de toda a vida (ODS 4). EduCinema Clima Tour Action foi financiado polo Programa Erasmus+ na acción chave ‘Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas’.

Foto de familia das persoas integrantes da xuntanza
Foto de familia das persoas integrantes da xuntanza
Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.06.2023.