Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría comeza a acreditación europea de tres títulos tras certificar a Acsug o seu sistema de garantía de calidade

Vista da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
Vista da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC
Unha comisión visitará a próxima semana o centro universitario lugués para comezar a acreditación EUR-ACE®dos graos en Enxeñaría Forestal e Civil e do máster en Montes

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC comezará a próxima semana o proceso de acreditación europea EUR-ACE® para os seus títulos de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Civil, así como do máster en Enxeñaría de Montes, segundo indicou o director do centro universitario lugués, Tomás Cuesta, quen engadiu que a comisión de avaliación externa encargada de acometer este proceso de acreditación internacional no eido das enxeñarías visitará o campus lugués a mediados da próxima semana.

Tomás Cuesta adiantou a inminente visita da comisión e acreditación EUR-ACE® á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría logo de que a Axencia pola Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) emitirá o informe favorable que certifica o óptimo nivel de funcionamento e de implantación do Sistema de Garantía de Calidade no centro universitario lugués, un recoñecemento que tamén acadaron na última convocatoria a Facultade de Ciencias do campus de Lugo, e as facultades de Psicoloxía e Bioloxía de Santiago. A tamén compostelá Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) foi o primeiro centro da USC en conseguir esta acreditación da calidade do seu sistema e procesos de funcionamento.

O profesor Cuesta García salientou que a obtención do certificado de implantación do sistema de garantía de calidade expedido pola Acsug avala a calidade dos procesos que regulan o funcionamento da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, un centro que na actualidade pode considerarse certificado a nivel nacional, xa que conta con todas as súas titulacións acreditadas ou en proceso de renovación da súa acreditación.

Neste mesmo senso, o director da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC expresou a súa confianza en superar con éxito o proceso de acreditación europea EUR-ACE® que comezará a mediados da próxima semana para as titulacións de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Civil, así como para o máster en Enxeñaría de Montes. A superación estes proceso de certificación de calidade no contexto europeo faría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo o primeiro centro universitario da USC e tamén do Sistema Universitario Galego en contar coa acreditación EUR-ACE®.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.07.2018.