Pasar al contenido principal

O VI Campus Científico Internacional XuvenCiencia bota o pano coa entrega dos premios Aresa Junior e Proxéctate en Galego

Participantes, voluntarios e organizadores de XuvenCiencia 2018
Participantes, voluntarios e organizadores de XuvenCiencia 2018
Os 150 alumnos preuniversitarios que conviviron durante unha semana en Lugo no Campus Terra da USC elaboraron 28 vídeos sobre proxectos científico-técnicos e sociais

O Campus Terra da USC acolleu este venres a clausura da VI Edición do Campus Científico Internacional de Verán XuvenCiencia que ao longo dunha semana amosou os distintos itinerarios formativos que poden cursarse na sede universitaria luguesa a 150 alumnos e alumnas preuniversitarios.

Logo de visionar os vinte e oito vídeos elaborados polos alumnos participantes, o xurado optou por conceder o premio Aresa Junior, o cal busca promover o interese dos rapaces/as pola ciencia e a tecnoloxía premiando as habilidades creativas, artísticas e de comunicación, ao proxecto ‘Crea o teu anuncio’, do que son artífices Alicia Couso, Sergio Díaz, Uxía Fernández, Xoán García de Castro, Alicia Jiajun Lorenzo e Antonio Pardo. O premio foi entregado por Carlota López Pardo, en representación da empresa patrocinadora Aresa.

Pola súa parte, o galardón Proxéctate en Galego recaeu no proxecto ‘Práctica de Enfermaría’, realizado por Natalia Álvarez, Iria Pérez, Luisa Manresa, Marta Álvarez, Mar Torrado e Beatriz Turiel. Este premio, que foi entregado polo responsable do servizo de Normalización Lingüística da USC no Campus Terra Xusto Rodríguez, aspira a promover o uso do galego como lingua de traballo e comunicación, ademais de premiar a capacidade de transmitir información de forma novidosa, creativa e adecuada desde o punto de vista lingüístico. Cada un dos gañadores en ambas as dúas categorías foron agasallados cuns auriculares sen fíos.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo Montserrat Valcárcel, que acompañou aos organizadores e participantes no VI Campus Científico Internacional de Verán XuvenCiencia na cerimonia de clausura celebrada na Facultade de Veterinaria de Lugo, entregou un premio a Lucía López Lombardero por publicar o tuit co hashtag #XuvenCiencia2018 que obtivo un maior número de retuits e me gusta nesta rede social.

A última xornada de Xuvenciencia comezou con distintos obradoiros no edificio Cactus de Lugo, así como con visitas ao Museo Universitario A Domus do Mitreo, o Museo Provincial de Lugo, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, o CETAL, Parque Eólico de Sotavento, Castro de Viladonga, ou diferentes empresas como Larsa, Quescrem, Finsa ou AMSLab, onde os mozos e mozas puideron coñecer de primeira man os seus sistemas de produción.

Xa en quenda de tarde e trala entrega de premios e diplomas a todos os participantes, o vestíbulo do auditorio da Facultade de Veterinaria acolleu a festa de despedida desta sexta edición amenizada coa música dun dj, baile e photocall.

Gañadores do V Aresa Junior con Carlota López e Montserrat Valcárcel Gañadores do V Proxéctate en Galego con Xusto Rodríguez e Montserrat Valcárcel Montserrat Valcárcel e Lucía López Lombardero

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.07.2018.