Pasar al contenido principal

José Luis Mascareñas ingresou como académico numerario na Real Academia de Farmacia de Galicia

A parte técnica do discurso do profesor Mascareñas Cid centrouse en demostrar que “ademais de científicos, os químicos tamén somos artistas". FOTO: Santi Alvite
A parte técnica do discurso do profesor Mascareñas Cid centrouse en demostrar que “ademais de científicos, os químicos tamén somos artistas". FOTO: Santi Alvite
‘Moléculas, metais e medicina: entre o fermoso e o útil’ foi o título do discurso pronunciado polo catedrático da USC e director científico do CiQUS
Santiago de Compostela

O director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), o catedrático José Luis Mascareñas Cid, ingresou este luns 3 na Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG) co discurso titulado ‘Moléculas, metais e medicina: entre o fermoso e o útil’, contestado por Franco Fernández González. O profesor Mascareñas resaltou na súa exposición a necesidade de fomentar a investigación de risco dirixida a xerar coñecemento rompedor, pois é nese coñecemento onde se poderán atopar as solucións a problemas que aínda non coñecemos. Ademais, destacou o poder da química como ciencia artística e creadora e a importancia de combinar ciencia e cultura para o progreso social.

Máis alá dos descubrimentos e avances científicos do grupo que coordina no CiQUS, José Luis Mascareñas destacou “a relevancia que ten o noso labor como mentores e a importancia de xerar atmosferas de traballo adecuadas para facer ciencia de nivel con paixón e dedicación, algo que tentei facer no grupo e que creo que conseguimos tamén neste centro singular de investigación da USC”.

O novo académico numerario da RAFG quixo ilustrar que o verdadeiramente importante na investigación non é que sexa básica ou aplicada, senón que sexa de calidade e que xere coñecemento. “É fundamental protexer aquela investigación baseada na curiosidade e que non busca unha utilidade inmediata”, asegurou.  Tamén quixo facer unha chamada sobre o “papel integrador que debe ter calquera academia científica cunha perspectiva ampla que tenda pontes entre ciencia, cultura e sociedade. A dicotomía sobre se o coñecemento provén das ciencias ou as letras é absurda”, comentou.

Artistas das moléculas

A parte técnica do discurso do profesor Mascareñas Cid centrouse en demostrar que “ademais de científicos, os químicos tamén somos artistas. Xogando con átomos e cos elementos da táboa periódica, podemos compoñer as nosas propias obras de arte: moléculas de maior ou menor complexidade, que destacan non só pola súa beleza, senón porque poden ter unha enorme utilidade. Este é o caso, por exemplo, de moitas biomoléculas como o ADN, que combinan estruturas tridimensionais esteticamente atractivas con propiedades biolóxicas asombrosas”.

José Luis Mascareñas proseguiu o seu discurso falando sobre os elementos que están na parte central da táboa periódica, denominados metais de transición, como o ouro, o platino, ou o paladio, entre outros, e describiu a enorme relevancia que estes metais, en especial os complexos metálicos que se forman cando se unen a outras moléculas de tipo orgánico, poden chegar a ter. “De feito, estes complexos metálicos poden xogar un papel esencial en bioloxía, por exemplo, no transporte de osíxeno, ou poden usarse como catalizadores, substancias que aceleran as reaccións químicas e que teñen un numero inmenso de aplicacións de gran transcendencia social, por exemplo, na preparación de fármacos”, explicou. 
 
Nesta liña, destacou a contribución do grupo que dirixe no CiQUS da USC na creación dun novo campo científico na fronteira entre a catálise e a bioloxía celular. “En concreto o noso equipo demostrou que é posible usar catalizadores non naturais baseados en metais de transición dentro de células vivas, co que creamos novas oportunidades para manipular e interrogar a bioloxía”, engadiu. 
 

Táboa periódica contra o cancro 

Finalmente, o profesor Mascareñas describiu como uns resultados do seu grupo publicados hai varios anos sobre a interacción duns complexos de rutenio co ADN xeraron unha liña de traballo sorprendente e prometedora na loita contra o cancro. “Realizados simplemente co afán de saber máis e ampliar o coñecemento, estes estudos convertéronse cos anos, e grazas a unha colaboración co biólogo do CSIC Bruno Sainz, nun posible fármaco que nestes momentos está nunha fase de ensaio preclínico para o tratamento de cancro de páncreas e de colon”, concluíu na súa intervención.
 

Foto de familia coas persoas participantes no acto. FOTO: RAFG
Foto de familia coas persoas participantes no acto. FOTO: RAFG
Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2023.