Pasar al contenido principal

Resolta a décimo cuarta edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero

A USC convoca cada ano estes galardóns que constitúen unha acción consolidada das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Imaxe de arquivo dun laboratorio na ETSE. FOTO: Santi Alvite
A USC convoca cada ano estes galardóns que constitúen unha acción consolidada das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Imaxe de arquivo dun laboratorio na ETSE. FOTO: Santi Alvite
‘Mulleres na Lexicografía’ foi a iniciativa distinguida co primeiro premio no eido docente, mentres que un estudo sobre as mulleres na protesta no campo galego durante o franquismo impúxose na categoría de investigación
Lugo, Santiago de Compostela

Mª José Domínguez Vázquez, profesora da área de Filoloxía Alemá, xunto a María Álvarez de la Granja, Elisa Fernández Rey, profesoras da área de Filoloxías Galega e Portuguesa; e Lola Mosquera Sánchez, Deborah Nebechukwu e U-Tong Sih acaban de ser galardoadas na décimo cuarta edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na USC. A iniciativa titulada ‘Mulleres na lexicografía’ acadou o primeiro premio, dotado con 1.000 euros, na modalidade de docencia. No capítulo de investigación, impúxose o traballo ‘Cento cincuenta mulleres e ningún home’, presentado por Ana Cabana Iglesias, profesora da área Historia Contemporánea, sobre as mulleres nas protestas no campo galego durante o franquismo, polo cal recibirá tamén 1.000 euros.

Docencia

O segundo premio na categoría de docencia, dotado con 750 euros, galardoou a ‘Petíscame temporada 1: Creadoras galegas. Un videopodcast sobre libros e ilustración producido por docentes en formación’, cuxa autoría corre a cargo de Rocío García Pedreira, profesora da área de Didáctica da Lingua e a Literatura. Finalmente, o terceiro premio foi para ‘Filopedia. Pensamento galego’ de Xosé Luis Pastoriza Rozas, profesor da área de Filosofía, quen recibirá 500 euros.

Investigación

No capítulo investigador premiouse cos 750 euros do segundo galardón a ‘Produción, reprodución e esfera pública: as que limpan’ de Yolanda Martínez Suárez, profesora da área de Filosofía Moral. O terceiro premio de 500 euros distinguiu a Yolanda Maneiro Vázquez, profesora da área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC, por ‘Coidadores, igualdade e non discriminación e corresponsabilidade: a (R)evolución dos dereitos de conciliación da man da Directiva (Ue) 2019/1158’.

Accésit

Ademais, outorgáronse dous accésit a ‘Xénero e política. Novas liñas de análise ante a cuarta vaga feminista’ de Marta Lois González e Alba Alonso Alvárez, profesoras da área de Ciencia Política e da Administración; e a ‘Mariscadoras da ría de Muros-Noia: patrimonio inmaterial de Galicia dende unha perspectiva feminista’ de Guadalupe Jiménez Esquinas, profesora da área de Antropoloxía Social.

Acción consolidada

A USC convoca cada ano estes galardóns que constitúen unha acción consolidada das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero tanto na vertente docente como na investigadora. Esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea. Ademais, esta é unha actividade incluída na ferramenta en liña Gear tool que serve de apoio a organizacións investigadoras, como as universidades.

A convocatoria contempla dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do Persoal Docente e Investigador (PDI) da USC: unha primeira oriéntase a accións innovadoras con inclusión da perspectiva de xénero na docencia na universidade, mentres que a segunda valora os traballos de investigación con perspectiva de xénero en calquera ámbito do coñecemento. Estes premios contan co co-financiamento do Concello de Santiago.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.07.2023.