Pasar al contenido principal

Así se teceu o vínculo entre a Compostela monumental e as fontes nas que beberon os seus creadores

De esquerda a dereita, Miriam Elena Cortés, Francisco Loimil, Goretti Sanmartín, Antonio López e Belén Hernández. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Miriam Elena Cortés, Francisco Loimil, Goretti Sanmartín, Antonio López e Belén Hernández. FOTO: Santi Alvite
USC e Consorcio de Santiago editan 'Socorrer enseñando: la Real Sociedad Económica y la literatura artística en Compostela' de Miriam Elena Cortés López, premio Domingo Fontán de investigación histórica
Santiago de Compostela

A profesora da USC na área de Historia da Arte, Miriam Elena Cortés López, presentou este xoves 13 a obra Socorrer enseñando: la Real Sociedad Económica y la literatura artística en Compostela, editada pola USC e polo Consorcio de Santiago. O volume recibiu en 2022 o premio Domingo Fontán de investigación histórica. O acto que se desenvolveu na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, contou coa participación do reitor da USC, Antonio López; da alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; da xerente do Consorcio, Belén Hernández; e de Francisco Loimil, presidente da Real Sociedade Económica, que acompañaron á autora na sesión de presentación.

O reitor quixo felicitar a profesora Cortés “por ter posto o foco da súa investigación doutoral, froito da cal é o ensaio que presentamos, nun aspecto moi orixinal e, penso, pouco transitado academicamente: a suxestiva relación entre as incontables obras monumentais da nosa cidade e as fontes bibliográficas nas que beberon os artistas que as executaron”. Este é un libro, continuou Antonio López, “que nos transporta á fascinante Compostela do renacemento, do barroco, da Ilustración e do neoclásico; é un libro que fala de libros, de títulos, de autores, de edicións, os mesmos libros que leron os arquitectos, os pintores, os escultores, os artistas, en definitiva, que deron forma ao monumento global que é Compostela”.

Cidade monumental

Cando era unha cativa que paseaba polas rúas compostelás, a autora preguntábase pola beleza arquitectónica de Compostela, época que influíu na súa fase de formación doutoral xa que aquel asombro infantil suscitoulle unha suxestiva interrogante acerca da transcendencia que “para esa sublime arquitectura, puideron ter os tratados de artes, é dicir, aqueles textos históricos escritos por humanistas, pintores, escultores e arquitectos procedentes de diferentes países europeos”, explicou. Moitos deles contiñan os parámetros polos que se guiaron os artistas que traballaron en Compostela desde o século XV en diante, e que serviron de inspiración para a súa obra. “Neses textos reside boa parte da grandeza que segue ofrecendo unha cidade monumental”, dixo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.07.2023.