USC e Ineco selan un acordo para innovar no deseño ferroviario
Un equipo de tres especialistas en matemática aplicada e un experto en enxeñaría e infraestrutura do transporte, pertencentes todos eles á Escola Politécnica Superior (EPS) de Enxeñería do Campus de Lugo, levan varios anos traballando nunha ferramenta de optimización que incorpora algoritmos de Intelixencia Artificial para o deseño de obras lineais de transporte, fundamentalmente, estradas e liñas de ferrocarril. Agora, a USC e a enxeñería e consultaría do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Ineco, acaban de selar un acordo para colaborar na mellora e evolución desta ferramenta. O equipo da USC está integrado polos profesores Gerardo Casal, Duarte Santamarina, Miguel Ernesto Vázquez Méndez e Alberte Castro.
O acordo con Ineco permitirá ao equipo do proxecto dar un salto cualitativo para a evolución da ferramenta, mellorando o actual módulo de rectificación de aliñacións, con aplicación directa en proxectos de acondicionamento de trazados ferroviarios. A compañía conta cunha ampla experiencia estatal e internacional en deseño ferroviario e cun equipo integrado por preto de 100 persoas que traballan neste eido. O reitor da USC, Antonio López, e o presidente de Ineco, Sergio Vázquez Torrón, ratificaron o acordo nunha xuntanza que se desenvolveu este luns 17 no Colexio San Xerome.
Por parte de Ineco, tamén participaron no acto Irene Thomas en representación do Gabinete de Presidencia, xerenta de Coordinación e Posicionamiento de marca; Juan Manuel López del Río, xerente territorial de Galicia; e Ana Rodriguez, por parte da Oficina de Innovacion e Desenvolvemento de Produto.
A devandita colaboración permitirá avanzar no desenvolvemento do módulo para facelo moito máis eficiente e práctico. Para iso implementarán un programa executable que permita avaliar de forma eficiente a súa potencialidade e aplicabilidade. A boa aceptación no ámbito académico do traballo realizado polos investigadores da USC vese reflectida nos artigos publicados en revistas no campo da Enxeñería Civil, así como na súa participación en diversos congresos internacionais onde se presentaron os avances destes últimos anos.
Fases do proxecto
A colaboración contará, por parte da USC, cunha fase de definición de requirimentos e adaptación do software actual a un caso práctico. A continuación, procederase a mellorar a implementación actual do software e a desenvolver unha contorna amigable que conduza a un ‘demostrador’, tendo en conta a información e directrices proporcionadas polo equipo técnico de Ineco en base á súa experiencia.
A fase de probas e definición de melloras desenvolverase unha vez executada unha primeira versión do ‘demostrador’ para analizar a súa robustez e detectar posibles melloras. Finalmente, rematadas as probas, realizarase unha posta en común dos resultados e da súa accesibilidade
iCampus, de Galicia ao resto de España
Este é o primeiro convenio no marco do novo programa iCampus de Ineco. Unha rede que impulsa a colaboración coas universidades para o fomento da investigación científica-técnica, a transferencia de coñecemento e a interacción entre expertos da comunidade científica, técnica e empresarial. Para a selección das Universidades, a compañía analizou o potencial dos centros en campos estratéxicos para co-innovar nas tecnoloxías máis disruptivas que permitan abrir novos modelos de negocio.