Pasar al contenido principal

Veterinaria incorpora a ABS Global ao plan de formación dual para ampliar a capacitación práctica do alumnado

Vacas comendo nunha explotación ao aire libre
Vacas comendo nunha explotación ao aire libre
O acordo asinado entre o centro universitario do Campus Terra USC e a multinacional líder en provisión de servicios e tecnoloxías reprodutivas, xenética bovina e produtos para o coidado da ubre, serve asemade de estímulo para que o estudantado oriente o seu futuro profesional cara a sanidade e a produción animal en gando vacuno
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC incorpora ao seu programa piloto de formación dual e práctica do seu alumnado a multinacional estadounidense ABS Global, a firma líder no mundo na provisión de servizos e tecnoloxías reprodutivas, xenética bovina e produtos para o coidado das ubres. Este novo acordo con ABS Global eleva xa a máis dunha ducia o número de empresas e entidades de relevancia nas que o alumnado da Facultade de Veterinaria de Lugo pode completar estadías en prácticas ou mesmo desenvolver os seus respectivos Traballos de Fin Grao baixo a titoría dun docente universitario e de profesionais da propia empresa.

O programa piloto de formación dual posto xa en marcha na Facultade de Veterinaria da USC responde a unha iniciativa pioneira a través da que o centro universitario lugués pretende mellorar a capacitación práctica e os coñecementos do alumnado de último curso de grao naquelas áreas ou ámbitos temáticos que presentan unha maior oferta de emprego, pero que teñen dificultades para atopar profesionais cualificados, segundo indicou o decano Gonzalo Fernández. Este docente considera asemade que esta iniciativa formativa pioneira reforza as relacións do centro universitario co tecido empresarial e favorece tamén unha maior conexión entre estudantes, docentes e investigadores coas empresas do sector.

A adhesión de ABS Global ao programa de formación dual posto en marcha pola Facultade de Veterinaira responde a varios motivos, segundo indicou o director desta mulitinacional en España, Juan Caínzos, quen precisou que “un dos nosos obxectivos é o de dar a coñecer as actividades que desenvolve a empresa entre o estudantado e os profesionais do sector”.

A participación nesta iniciativa universitaria representa tamén unha boa oportunidade para captar talento entre a mocidade egresada, comentou Caínzos, para logo engadir que a presenza de ABS Global neste programa dual de formación da Facultade de Veterinaria pode servir asemade de acicate ou de estímulo para que o alumnado encamiñe o seu futuro profesional cara ámbitos relacionados coa sanidade, saúde e produción animal, aportando unha visión distinta e atractiva do sector. De feito, “desde ABS esperamos animar aos futuros veterinarios a traballar na área de vacuno”, afirma Juan Caínzos.

ABS Global

Con sede en DeForest, Wisconsin, EE.UU., ABS Global é un provedor mundial líder en servizos e tecnoloxías reprodutivas, xenética bovina e produtos para o coidado do ubre. Con presencia en máis de 70 países de todo o mundo, ABS ten estado á vangarda da xenética e da tecnoloxía reproductiva animal desde a súa fundación en 1941. Esta empresa, que é unha división de Genus plc, a compañía de biotecnoloxía e xenética animal máis importante do mundo, conta con máis de 40.000 clientes, entre os que están incluídos algúns dos principais produtores de carne e leite.

Gonzalo Fernández, á esquerda, con Juan Caínzos, diante da Facultade de Veterinaria
Gonzalo Fernández, á esquerda, con Juan Caínzos, diante da Facultade de Veterinaria
Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.07.2023.