Pasar al contenido principal

A educación para o coidado da terra, a debate na USC no marco do foro de clausura do proxecto europeo LandCare

Foro sobre educación para o coidado da terra
Foro sobre educación para o coidado da terra
Un centenar de estudantes, docentes e investigadores de Grecia, Italia, España e Portugal, reflexionarán sobre medio ambiente e territorio do 16 ao 18 en Santiago

O foro ‘ A educación para o coidado da terra’ reunirá do 16 ao 18 de xullo na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago arredor dun centenar de investigadores, educadores e estudantes procedentes de Grecia, Italia, España e Portugal, que reflexionarán nesta sesión de clausura do programa Erasmus+ LandCare Degradación e restauración da terra en ambientes Mediterráneos para reflexionar, debater e propoñer iniciativas e medidas para mellorar as capacidades educativas en relación á conservación ambiental e á recuperación dos terreos degradados. Trátase dunha misión moi importante para preservar o medio ambiente e satisfacer as demandas dun mercado laboral emerxente no eido da restauración ecolóxica.

O foro, que servirá de colofón deste programa Erasmus+ que botou a andar en outono de 2015, permitirá unha reflexión colectiva e participativa sobre as perspectivas educativas e traxectorias formativas relacionadas coas ameazas ambientais globais, así como a aplicación de tecnoloxías e ferramentas innovadoras en educación. Ademais, tamén presentará un manual de boas prácticas para mellorar as habilidades de empregabilidade e emprendemento.

O profesor na EPS de Enxeñaría do Campus Terra e coordinador na USC do proxecto europeo LandCare, Agustín Merino, figura entre os organizadores desta asemblea final dun programa centrado na educación para o coidado da Terra no que, entre os seus relatores, intervirá o presidente da Asociación Mundial de Restauración Ecolóxica, Jordi Cortina.

Este encontro, de carácter interdisciplinar, conta coa colaboración das universidades veciñas de Portugal, Italia e Grecia, ao ser unha actividade englobada dentro do proxecto internacional Erasmus+, Degradación e restauración da terra en ambientes Mediterráneos, un programa no que participan como socios catro universidades e outras tantas entidades privadas dos países do arco mediterráneo antes citados.

Programa

O foro levarase a cabo mediante comunicacións orais ou en paneis, actividades de participación libre e cursos de formación. O encontro comezará este domingo 15 ás 20.00 horas cun acto de benvida a todas as persoas inscritas, que, durante os tres días seguintes, terán a oportunidade de participar en sesións orais e paneis interactivos sobre desafíos para a educación, formación e empregabilidade sobre restauración de terreos degradados, así como Campfire sessions para os estudantes. O programa de intervencións comezará o luns 16 de xullo, a partir das 10.00 horas, unha vez rematada a sesión inaugural, que estará presidida pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo.

Tamén existe a posibilidade de asistir aos cursos curtos de formación no que hai dúas opcións a elixir. No programa do martes, unha das opcións é un curso sobre tecnoloxía para a educación aberta: MOOCs en LandCare. Outra, emprego e emprendemento en LandCare. O mércores pódese elixir entre recuperación de minas e solos contaminados (Mina de Touro), as actividades educativas en terreos restaurados (Mina de As Pontes) e os tratamentos de emerxencia despois de incendios forestais (Monte Faro).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.07.2018.