Pasar al contenido principal

O CIFEX impulsa unha xornada sobre ecofeminismo baixo o lema ‘Resistencia feminista ao colapso’

O foro ten como obxectivo dar a coñecer o programa de investigación da ecoloxía feminista
O foro ten como obxectivo dar a coñecer o programa de investigación da ecoloxía feminista
Filoloxía acollerá este foro que se desenvolverá o vindeiro 14 de setembro e cuxo prazo de inscrición permanece aberto
Santiago de Compostela

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) impulsa a primeira edición da xornada sobre ecofeminismo que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía da USC o 14 de setembro, a partir das 9.30 horas. A sesión, cuxa inscrición pode formalizarse a través dun formulario en liña, desenvólvese baixo o lema 'Resistencia feminista ao colapso'.

A delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro; a directora do CIFEX, Teresa Moure; e o decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres, inaugurarán a xornada que contará con diversas mesas redondas sobre ‘Coidar do planeta como se houbese futuro’ ou ‘Ecoloxía ou barbarie: a crítica feminista contra o extractivismo’. Na primeira das mesas, ademais de Teresa Moure, participarán Victoria Aragón da Universidad de Granada, e Saleta de Salvador, da Complutense de Madrid. A moderación da segunda mesa correrá a cargo de Yolanda Martínez da USC e, a continuación, proxectarase material videográfico e debaterase arredor de ‘Mulleres amazónicas defensoras da selva’.

O foro ten como obxectivo dar a coñecer o programa de investigación da ecoloxía feminista, incidindo na súa capacidade para propor solucións perante os grandes desafíos (catástrofe climática, fin da cultura dos combustibles fósiles, crise da auga, ou perda da biodiversidade) aos que se deberá facer fronte nas próximas décadas. Esta actividade realízase ao abeiro do Convenio de colaboración cos Secretaría Xeral da Igualdade para o desenvolvemento de actividades do Plan Corresponsables en Galicia, financiado con fondos do Ministerio de Igualdade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.07.2023.