Pasar al contenido principal

‘Galego sen fronteiras’ baixou o pano logo da inmersión lingüística de medio cento de estudantes durante tres semanas

Foto de familia co alumnado participante. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia co alumnado participante. FOTO: Santi Alvite
“Estamos seguros de que ides levar de volta a nosa lingua, a nosa cultura e o noso cariño”, díxolle o reitor Antonio López ao alumnado de tres continentes que participou nesta iniciativa conxunta de USC e RAG
Santiago de Compostela

A USC e a Real Academia Galega (RAG) clausuraron este luns 24 os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’, despois de tres anos de interrupción por mor da pandemia. Nesta trixésimo terceira edición participaron preto de medio cento de estudantes de países de tres continentes. A sesión de clausura, que tivo lugar na Facultade de Filosofía, estivo presidida polo reitor Antonio López e contou coa participación do director dos cursos, Henrique Monteagudo; a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández Rei; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Tamén estivo presente Ana Fachal, secretaria académica dos cursos. 

“Estamos moi orgullosos de todos vós”, dixo o reitor, “estamos seguros de que ides levar de volta a nosa lingua, a nosa cultura e o noso cariño”, afirmou Antonio López para despois dar paso ás palabras do alumnado que relatou a súa propia experiencia coa lingua e a cultura de Galicia. Pola súa parte, o presidente da RAG apelou aos mozos e mozas para que sigan “cultivando a relación de afecto” entre eles e “con Galicia”, dixo. 

Na mesma liña, pronunciouse o director da actividade e profesor da USC, Henrique Monteagudo. “Esta é unha experiencia moi esperanzadora”, dixo en relación co intre “complicado” que está a vivir Europa por mor da guerra en Ucraína. O profesor Monteagudo cualificou os mozos e mozas participantes na iniciativa como “sopro de alento” para a lingua galega. Elisa Fernández Rei, directora do ILG, subliñou que estes cursos son “unha experiencia de intercambio entre persoas de culturas moi diversas que se interesan pola galega e ese é un motivo de satisfacción”. “Xa formades parte da comunidade de estudos galegos e estamos seguros de que levaredes algo de Galicia alí onde vaiades”, engadiu. Pola súa parte, Valentín García definiu o alumnado participante como “embaixadores de Galicia”. 

Os alumnos e alumnas desta edición proceden dos Estados Unidos, da Arxentina, do Reino Unido, do Brasil, da India, da China, Finlandia, Francia, Países Baixos, Italia, Ecuador, Cuba, Polonia, Alemaña, Rusia, Suíza, Austria, Chequia e México, así como doutras comunidades autónomas. Deste xeito, súmanse aos preto de 3.000 que dende 1988 pasaron polas aulas destes cursos. Moitas das persoas estranxeiras e doutros territorios de España que na actualidade se dedican a verter a literatura galega a outras linguas e a ensinar o galego en universidades europeas, americanas ou asiáticas foron antes estudantes deste programa.

O alumnado gozou durante tres semanas dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia ao tempo que asistiu a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta completouse con visitas e outras actividades que ofreceron unha aproximación á realidade da comunidade dende distintas perspectivas, da literaria e lingüística á musical á artística e paisaxística.

O programa de palestras contou con relatorios de figuras como o a escritora  Marilar Aleixandre, o cineasta Álvaro Gago, Malores Villanueva, biógrafa de Francisco Fernández del Riego; María Obelleiro, directora de Nós Diario, ou a escritora Fina Casalderrey. A programación de actividades contou ademais con obradoiros de baile tradicional e regueifa a cargo de Mercedes Prieto e Alba María, respectivamente; unha viaxe no tempo polas rúas de Santiago de Compostela a través das músicas que se escoitaron e crearon na cidade e mais unha excursión á Costa da Morte.
 

De esquerda a dereita, Henrique Monteagudo, Valentín García, Antonio López, Víctor Fernández Freixanes, Elisa Fernández Rei e Ana Fachal. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Henrique Monteagudo, Valentín García, Antonio López, Víctor Fernández Freixanes, Elisa Fernández Rei e Ana Fachal. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.07.2023.