Pasar al contenido principal

Comeza en Ciencias Políticas o curso de formación de axentes sociais para a integración de persoas refuxiadas

O curso de Formación de axentes sociais para a integración de persoas refuxiadas comezará o luns 16 na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais organizado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC e dentro do proxecto europeo UNINTEGRA. A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidirá ás 10.00 horas a sesión inaugural. A primeira parte desta acción fomativa, que se desenvolverá ata o 20 de xullo, abrangue o marco legal vixente neste eido (lexislación comunitaria, estatal e procedementos para outorgar a protección internacional), mentres que a segunda está centrada na aproximación humanitaria, cultural e social á problemática das persoas refuxiadas (ferramentas, actores involucrados e análise de conflitos actuais complexos).

A iniciativa diríxese fundamentalmente a persoas que desenvolven traballos vinculados coa integración de persoas refuxiadas ou migrantes en entidades locais, ONGs ou outro tipo de institucións. Os responsables da formación son a avogada especializada en Dereito de Asilo e Estranxeiría, Lía Álvarez Fouz, e o técnico de emprego Xabier Rodríguez Orosa, ambos os dous de Accem Galicia, e Araceli García del Soto, membro do comité asesor do Servizo Xesuíta aos Refuxiados para ‘Global Staff Care Program’.

Unintegra
Co financiado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, o proxecto UNITEGRA púxose en marcha a finais de 2017 coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC. O seu obxectivo é promover a xestión eficaz das poboacións inmigrantes e responder ás necesidades das persoas que necesitan protección.

O proxecto ten dúas dimensións: por unha banda, traballar directamente coa poboación recén chegada e responder a necesidades básicas de inclusión e, por outra, fomentar actitudes de recepción positivas nas comunidades de destino.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.07.2018.