Os Premios á Excelencia Académica do Grao en Química da USC recoñecen o compromiso e esforzo do estudantado do centro
A USC e tres das empresas xurdidas da actividade investigadora da Facultade de Química, Mestrelab, Galchimia e NANOGAP, distinguen o compromiso coa formación e o esforzo continuo do estudantado do centro a través dos Premios á Excelencia Académica de Grao. Nesta edición, o primeiro premio, dotado cunha contía de 2.000 euros foi para Lourdes Patricia Sanmiguel Vázquez, mentres que David Montoto Pintos obtivo o segundo galardón, con contía de 1.500 euros, e David Alvar Gil se fixo co terceiro dos premios, con valor de 1.200 euros.
A entrega tivo lugar o venres 21 de xullo no marco do acto de graduación da oncena promoción do Grao en Química e terceira promoción do Dobre Grao en Química e Bioloxía, que se desenvolveu na Aula Magna do Centro. Juan Carlos Cobas Gómez, presidente de Mestrelab Research S.L., Carme Pampín Casal, co-fundadora de GalChimia, S.A.,e Iria Rodríguez Arias, directora técnica de NANOGAP, foron as persoas encargadas de entegar os galardóns nun evento presidido polo vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, que contou tamén coa presenza do decano da Facultade de Química, Jesús Sanmartín Matalobos, do padriño da promoción, José Manuel Vila Abad, o vicedecano da Facultade de Bioloxía, Francisco Javier Salgado Castro e o decano-presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Menéndez.
Estes premios teñen como obxectivo incentivar a mellora continua na formación académica do alumnado do Grao en Química, promovendo a calidade, a competencia, e a igualdade de oportunidades.