Pasar al contenido principal

Un novo estudo do CiMUS desvela que a fisiopatoloxía da obesidade presenta diferenzas segundo o sexo

Un novo estudo do CiMUS desvela que a fisiopatoloxía da obesidade presenta diferenzas segundo o sexo. FOTO: Santi Alvite
Un novo estudo do CiMUS desvela que a fisiopatoloxía da obesidade presenta diferenzas segundo o sexo. FOTO: Santi Alvite
O traballo, dirixido por Olga Barca do grupo Gliatime e Miguel López do grupo NeurObesity, demostra como os astrocitos do hipotálamo xogan un papel esencial na regulación do equilibrio enerxético de maneira diferente en animais de experimentación machos e femias
Santiago de Compostela

A homeostase enerxética define o punto de equilibrio entre enerxía inxerida e consumida no noso corpo e está regulada, do mesmo xeito que os demais ritmos circadianos, polo sistema nervioso central a través do hipotálamo. O seu comportamento é fundamental na fisiopatoloxía da obesidade e enfermidades relacionadas. Agora, un estudo dos grupos do CiMUS da USC Gliatime e NeurObesity, dirixidos por Olga Barca e Miguel López, descobre que o mantemento do equilibrio enerxético é diferente en ratos machos e femias; e que son os astrocitos, un tipo de células cerebrais, os responsables destas diferenzas. O achado foi publicado na reputada revista científica Cell Reports.  

Estratexias crono-terapéuticas

Esta investigación pon de manifesto que a redución do xene BMAL1, un dos xenes do reloxo molecular que desempeña un papel crucial na xeración dos ritmos circadianos, nos astrocitos femininos resulta nun balance enerxético negativo e altera os ciclos metabólicos básicos sen afectar a actividade locomotora circadiana. Estas células inflúen na taxa metabólica, a lipoxénese no tecido adiposo branco e hepático e na actividade do tecido adiposo pardo. 

“É importante destacar que estas alteracións son específicas dos astrocitos no hipotálamo”, aclara a coordinadora do grupo, Olga Barca, quen continúa explicando que “curiosamente, os ratos femia con redución de BMAL1 nestes astrocitos amosan un fenotipo metabólico similar ao masculino cando se alimentan cunha dieta alta en graxas”.

Os resultados desta investigación proporcionan información valiosa sobre o desenvolvemento de novos tratamentos específicos en función do sexo para enfermidades relacionadas cos chamados reloxos celulares, a homeostase enerxética e o metabolismo periférico, brindando oportunidades para o deseño de estratexias crono-terapéuticas.

“Esperamos que este artigo sexa de gran interese para a comunidade científica e a sociedade en xeral, xa que lanza luz sobre os complexos mecanismos que regulan a homeostase enerxética e como estes poden variar segundo o sexo. Poder comprender as diferenzas sexuais nestes mecanismos circadianos é crucial para entender as distintas respostas á interrupción circadiana e outros dimorfismos asociados á diferenza de sexo”, conclúe a investigadora CiMUS.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2023.