Pasar al contenido principal

Investigadores do OARMA e do CITMAga realizan en Armenia unha campaña de observación de estrelas dobres e múltiples

De esquerda a dereita, o investigador Gómez Crespo, o enxeñeiro de cúpula, Alexei Grabe, e o investigador Pérez Couto, ante o telescopio do Observatorio armenio
De esquerda a dereita, o investigador Gómez Crespo, o enxeñeiro de cúpula, Alexei Grabe, e o investigador Pérez Couto, ante o telescopio do Observatorio armenio
Jorge Gómez Crespo e Xabier Pérez Couto visitan o Observatorio Astrofísico de Byurakan para rexistrar datos físicos e astrométricos cara á súa explotación científica
Santiago de Compostela

A análise das estrelas dobres e múltiples constitúe unha das principais liñas de investigación do Observatorio Ramón María Aller (OARMA) da USC dende os seus inicios. Foi precisamente o seu fundador, o astrónomo e matemático Ramón María Aller Ulloa, quen introduciu na contorna estatal a investigación neste ámbito. 

A seguir con esta liña de traballo, os investigadores Jorge Gómez Crespo e Xabier Pérez Couto, pertencentes ao OARMA e ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) respectivamente, están a piques de concluír unha estadía de investigación no Observatorio Astrofísico de Byurakan, en Armenia, para desenvolver unha campaña de observación destes sistemas coa cámara de interferometría speckel do OARMA acoplada ao telescopio de 2.6 m de apertura do Observatorio armenio. O obxectivo é recadar datos físicos e astrométricos que despois empregarán en Compostela cara á súa explotación científica. Esta campaña realízase ao abeiro do proxecto ‘Astronomía Fundamental de binarias complementarias aos resultados da misión Gaia’, con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, unha investigación liderada polo director do OARMA, José Ángel Docobo, que conta tamén coa participación de máis persoal do centro.

Desta forma, o Observatorio da USC dá continuidade a décadas de estudo intenso deste tipo de sistemas que poden ser tratados dende puntos de vista moi diversos e que seguen a ser imprescindibles para o cálculo preciso de masas estelares. Como froito deste traballo, centros de órbitas calculadas a partir de métodos propios, numerosas publicacións en revistas internacionais de prestixio, a organización de congresos internacionais do ámbito, a edición da Circular da correspondente Comisión da Unión Astronómica Internacional e mesmo a presidencia desa Comisión por parte de Docobo, dan conta da contribución internacional do Observatorio a esta rama da Astronomía. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.08.2023.