Sexta edición dos Premios ‘Rafael Crecente’ a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial
O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) da USC convocan a sexta edición dos Premios Rafael Crecente Maseda a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, que mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o 30 de setembro.
Nesta nova edición dos galardóns, creados en homenaxe á figura do que fora profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC co obxectivo de impulsar a formulación e aplicación de ideas relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación medioambiental e a mellora da xestión territorial en Galicia, concederanse dous premios, un primeiro e un segundo, que serán recoñecidos cun diploma acreditativo e cunha contía económica de 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.
A convocatoria, tal e como se recolle nas bases, está aberta á participación de todas aquelas persoas que remataran a súa titulación universitaria de grao ou mestrado nos últimos cinco anos, un período para o que se tomará como referencia a data límite de entrega de propostas á presente convocatoria.
Presentación de propostas e criterios de avaliación
As persoas interesadas deberán enviar as súas respectivas propostas en formato pdf ao enderezo de correo electrónico premio.rafaelcrecente [at] usc.es (premio[dot]rafaelcrecente[at]usc[dot]es). Estas poderán corresponder a traballos académicos (Traballo de Fin de Grao, Traballo de Fin de Master, ou Tese de Doutoramento) desenvolvidos polas persoas autoras, ou formular ideas orixinais, traballos técnicos, iniciativas e proxectos cun destacado carácter novidoso.
A extensión máxima das memorias explicativas, que deben presentarse en tamaño A4, non debe superar os 50.000 caracteres, sen contar os espazos. Poderán formularse en galego, castelán ou inglés, e deben incluír un resumo de non máis de 150 palabras.
O Consello científico do IBADER desenvolverá as funcións de comité avaliador e poderá solicitar asesoramento externo. No seu ditame, o xurado valorará a orixinalidade e calidade científica e técnica das propostas, a súa aplicabilidade, así como a contribución no uso racional e sostible do territorio e dos recursos naturais, alén da súa vinculación co desenvolvemento do medio rural e a mellora da calidade de vida. Así mesmo, valorarase a calidade expositiva e a claridade do documento presentado.
Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas aos VI Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras en Xestión Territorial e tras avaliar as propostas recibidas, o comité organizador fará publico o lugar e data de entrega de galardóns.
Rafael Crecente Maseda
O profesor Rafael Crecente Maseda (1964-2015) era considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC , o seu labor estivo relacionado principalmente á investigación como director do Laboratorio do Territorio (LaboraTe) e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC.