Pasar al contenido principal

Unha investigación profundará na saúde mental das persoas coidadoras

A USC desenvolverá o proxecto titulado ‘Resiliencia como factor protector da depresión en coidadores’. FOTO: Santi Alvite
A USC desenvolverá o proxecto titulado ‘Resiliencia como factor protector da depresión en coidadores’. FOTO: Santi Alvite
Esta é unha das accións impulsadas ao abeiro do convenio asinado entre a USC e a Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade para afondar na conciliación e a corresponsabilidade en Galicia
Lugo, Santiago de Compostela

A USC, a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero, desenvolverá, en colaboración coa UDC e a UVigo, un estudo sobre conciliación e corresponsabilidade en Galicia, con datos sobre repartición dos tempos e de distribución de tarefas domésticas e dos coidados entre mulleres e homes, así como da percepción social que existe sobre esta materia. Este é o obxecto dos convenios de colaboración asinados entre as universidades públicas galegas e a Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade, cuxa execución se acometerá nos vindeiros meses.

En concreto, a institución compostelá abordará a corresponsabilidade dende o punto de vista da saúde mental das persoas coidadoras. Este será o principal obxectivo do proxecto titulado ‘Resiliencia como factor protector da depresión en coidadores’, coordinado dende o grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía (GRISAMP), liderado polo profesor Fernando L. Vázquez.

Tamén ao abeiro deste convenio, a USC, a través do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX), dirixido por Teresa Moure, impulsa en Compostela a primeira xornada de Ecofeminismo do CIFEX 'Resistencia feminista ao colapso', así como o congreso internacional 'As culturas dos coidados e os feminismos' que se desenvolverá no Campus de Lugo.

A xornada sobre ecofeminismo, que terá lugar en Filoloxía o 14 de setembro, ten como obxectivo dar a coñecer o programa de investigación da Ecoloxía feminista, incidindo na súa capacidade para propor solucións perante os grandes desafíos (catástrofe climática, fin da cultura dos combustibles fósiles, crise da auga, perda da biodiversidade) aos que se deberá facer fronte nas próximas décadas.

Doutra banda, o congreso sobre a cultura dos coidados terá lugar os días 28 e 29 de setembro na Facultade de Humanidades da USC. Ao longo das dúas xornadas impartiranse relatorios que tocarán distintos aspectos como a economía dos coidados, xénero, saúde mental, sexualidade, co-housing e traballo doméstico e de coidados, nas que participará persoal docente e investigador da USC así como das universidades de Sevilla e Estremadura.

Traballo conxunto

A Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade colabora coas tres universidades públicas galegas co obxecto de obter unha radiografía, o máis exhaustiva posible, da realidade galega en materia de reparto de tarefas domésticas e de coidados entre mulleres e homes. A iniciativa encádrase nos traballos que o Consello Galego das Mulleres está a desenvolver a través da denominada Mesa de Coidados, co obxectivo de obter coñecemento científico e especializado en materia de conciliación e corresponsabilidade.

Promoción do Emprego e Igualdade destina, deste xeito, 60.000 euros de orzamento para financiar tres convenios coas entidades académicas, no marco das actuacións que promove para desenvolver o Plan Corresponsables na Comunidade galega. No caso da Universidade de Vigo, a investigación versará sobre o ámbito normativo no eido dos coidados e na implantación de actuacións favorables por empresas e institucións. A Universidade da Coruña encargarase de analizar o aspecto sociolóxico desta realidade.

Grazas aos tres convenios, desenvolveranse na Comunidade, nos próximos meses, congresos especializados e sesións de traballo, recompilarase información de diferentes fontes, realizaranse análises estatísticas e poderanse desenvolver proxectos de investigación no eido académico.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.09.2023.