Pasar al contenido principal

Cursos de certificación para a medición de parcelas do Inventario Forestal Continuo de Galicia citan 100 persoas na EPS de Enxeñaría

Carballeira do Campus de Lugo
Carballeira do Campus de Lugo
A nova edición deste programa de carácter gratuíto, cuxas sesións formativas se prolongarán do 12 ata o 29 de setembro, capacitará ao alumnado para desenvolver funcións como auxiliar de medición e xefe de equipo, polo que habilita para a realización do traballo de campo do Instituto Forestal Continuo de Galicia
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC organiza este mes unha nova edición dos cursos de certificación para a medición de parcelas do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG). Este novo programa formativo, cuxas sesións se desenvolverán entre o 12 e o 29 de setembro, está organizado ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural, a USC e a UVigo para o desenvolvemento do IFCG. O obxectivo desta nova iniciativa de capacitación profesional, na que formalizaron a súa inscrición máis de 100 persoas, é a formación do público asistente para a medición das parcelas de campo do IFCG, a fin de asegurar así a calidade e a fiabilidade das estimacións e resultados derivados deste inventario.

A terceira edición dos cursos do Instituto Forestal Continuo de Galicia programados este ano na EPS de Enxeñaría citará desde o martes no Campus Terra da USC  máis de 100 persoas, na súa maioría profesionais e persoal técnico do ámbito forestal, que terán a oportunidade de obter o certificado de habilitación para formar parte nos equipos de campo do IFCG como auxiliar de medición e/ou como xefe de equipo. O alto número de participantes, xunto coa gran acollida rexistrada nas anteriores edicións destes módulos formativos, nos que participaron máis de 150 persoas, constitúe un indicador inequívoco da alta demanda de formación nesta temática que existe no sector forestal galego.

O programa formativo sobre certificación para a medición de parcelas do IFCG será impartido por un equipo docente formado por persoal do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC. Trátase de módulos de formación gratuítos que están estruturados en dous niveis: auxiliar de medición e xefe de equipo. A formación para cada nivel ten unha duración de dez horas e desenvolverase de xeito presencial entre os días 12 e 15 de setembro en horario de mañá, no caso do curso de auxiliar de medición, e pola tarde, para as persoas que opten a converterse en xefe de equipo.

Nestas sesións, que están orientadas a persoas que xa posúen formación forestal previa, impartiranse contidos teóricos e prácticos relacionados coa medición de variables de inventario forestal, así como respecto da identificación das principais especies arbóreas e arbustivas presentes en Galicia ou sobre a caracterización silvícola. Unha vez completado este período de formación inicial, as persoas inscritas nestes cursos deberán superar os procesos de avaliación que se desenvolverán entre os días 26 e 29 de setembro, a fin de acadar así o correspondente certificado de habilitación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.09.2023.